Ourense acollerá este sábado a 16ª Copa Deputación de loitas olímpicas para as categorías base

GaliciaXa | OurenseXa
Oito clubs enfrontaranse no pavillón municipal de Oira nun formato de todos contra todos, con máis dun centenar de deportistas das categorías prebenxamín, benxamín e alevín
16 Copa Deputación Loitas Olímpicas
16 Oct 2026

O pavillón municipal de Oira acollerá este sábado 17 de outubro a 16ª edición da Copa Deputación de loitas olímpicas, unha cita centrada nas categorías base desta disciplina. O encontro desenvolverase entre as 10.30 e as 12.30 horas e reunirá a oito equipos nun formato de competición por equipos de todos contra todos.

Está previsto que participen máis de cen deportistas procedentes de oito clubs distintos, no que supón a primeira actividade da tempada dirixida ao deporte base. Para que todos os equipos poidan competir de xeito simultáneo, disporanse tres tapetes de seis por seis metros, e tanto o regulamento como os propios tapetes estarán adaptados ás idades máis novas, co obxectivo de que os participantes máis pequenos gocen da xornada.

A competición disputarase con equipos mixtos e abranguerá tres categorías: prebenxamín (ata 7 anos), benxamín (ata 9 anos) e alevín (ata 13 anos).

O club anfitrión será o Club Atila de Ourense, unha entidade que conta con numerosos deportistas nas categorías base e que está considerada unha das máis consolidadas a nivel nacional. Nas súas categorías de rendemento, varios dos seus deportistas gozan de bolsas no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra, o que reflicte o traballo que o club vén desenvolvendo en materia de promoción, tecnificación e rendemento deportivo.

Os clubs inscritos para esta xornada son: Club El Castro de Vigo, Club Kuzushi de Vigo, Club Sportstime de Crecente, Escuela Wude de A Coruña, Club Keltoi de Vila de Cruces, Club de Loita Lugo, Club A Cambadela de A Estrada e Club Atila de Ourense.

0.15855598449707