Ourense acollerá o 2º Congreso Internacional de Xestión da Balneoterapia

A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense organizará os días 22 e 23 de setembro o 2º Congreso Internacional de Xestión da Balneoterapia, baixo o lema “Innovación, saúde e territorio ante o reto demográfico”. Na preparación do encontro participa tamén Ágora Termal, foro de debate e divulgación científica sobre o termalismo con sede no campus ourensán.
O congreso intégrase no marco de estudo e investigación do Campus Auga, proxecto de especialización do campus de Ourense financiado e acreditado pola Xunta de Galicia. O obxectivo principal é “ofrecer un punto de encontro para reflexionar e intercambiar coñecementos sobre aspectos significativos relacionados cun mellor aproveitamento das propiedades terapéuticas das augas mineromedicinais”. Ademais da Universidade de Vigo, colaboran na iniciativa o Consello Social da Universidade de Vigo, a Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense.
A presentación tivo lugar esta pasado xoves e contou coa presenza de Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, Jesús Vázquez, decano da facultade; José Luis Legido, presidente de Ágora Termal; e Francisco Reyes, co-presidente do congreso.
Durante a presentación, subliñouse a importancia do sector termal para Ourense e a labor do Campus Auga. Segundo Rodríguez, o evento “representa unha gran plataforma para visibilizar o moito que o Campus Auga transfire o sector” e é “un claro exemplo do que podemos acadar cando traballamos de maneira conxunta. Grazas á colaboración entre administracións públicas, entidades e empresas do sector, conseguimos crear un espazo de encontro para compartir coñecemento e avances arredor da balneoterapia e do termalismo”.
O decano, Jesús Vázquez, salientou que o congreso “non é un evento máis; é, en realidade, unha expresión clara do compromiso da nosa facultade co territorio, co coñecemento e co futuro”.
Engadiu que “no que celebramos o noso 40 aniversario, non podería haber mellor forma de conmemorar esta traxectoria que impulsando un encontro internacional arredor dun dos sectores máis estratéxicos para a nosa contorna: a balneoterapia”. Vázquez destacou que “Ourense é, sen dúbida, a provincia termal por excelencia de España, e a nosa cidade, a capital termal de Galicia. Esta realidade non só nos define, senón que nos interpela. Obríganos a asumir unha responsabilidade: liderar, acompañar e fortalecer un sector que xera riqueza, emprego e identidade”.
O decano tamén avanzou que o congreso contará “coa participación de persoas de recoñecido prestixio a nivel nacional e internacional, que achegarán experiencias, coñecementos e perspectivas que, sen dúbida, enriquecerán o debate e abrirán novas oportunidades”. O seu desexo é que “este encontro sexa un punto de inflexión, un espazo no que a innovación, a sostibilidade e a excelencia na xestión da balneoterapia sexan os piares fundamentais. Un foro no que se tracen liñas de colaboración duradeiras e no que se reforce o posicionamento do noso territorio como referente internacional”.
Pola súa banda, José Luis Legido valorou a implicación do profesorado da Universidade de Vigo a través de Ágora Termal e mostrou a súa confianza en que a cita “sexa un éxito e que dea valor engadido ao termalismo en Ourense”. Francisco Reyes destacou “a simbiose” entre a facultade e o foro organizador e subliñou que no congreso tamén se abordará “a necesidade de que a balnoterapia teña o seu oco na carteira de servizos do servizo nacional de saúde”.