Ourense activará un dispositivo especial de tráfico polo paso da Volta Ciclista Feminina

A Policía Local de Ourense porá en marcha este luns, 4 de maio, un dispositivo especial de seguridade e tráfico con motivo do paso pola cidade da Volta Ciclista Feminina. As medidas afectarán especialmente ao sector sur do termo municipal durante a tarde.
Para garantir a seguridade das deportistas e do público, estableceranse cortes totais de circulación na estrada de Ponte Sevilla (OU-517) e na estrada de Seixalvo (OU-105). O acceso a estas vías quedará restrinxido desde a glorieta que conecta a avenida de Zamora coas citadas estradas.
Tamén se habilitarán desvíos de tráfico en dous puntos principais: a intersección da avenida de Zamora con Nosa Señora da Saínza e a intersección da avenida de Zamora coa Avenida da Universidade.
O dispositivo estará activo, previsiblemente, entre as 16:45 e as 17:30 horas, aínda que este horario poderá variar en función do desenvolvemento da carreira e das indicacións dos axentes despregados.
A Policía Local solicita a colaboración da cidadanía e recomenda empregar rutas alternativas, evitar a zona da avenida de Zamora e os accesos a Seixalbo e Ponte Sevilla, así como planificar os desprazamentos con antelación para minimizar posibles retencións. Tamén se pide atender en todo momento as indicacións do persoal de seguridade.
O paso da proba afectará igualmente ao servizo de autobuses urbanos, concretamente ás liñas 3 (Santa Cruz–O Cumial) e 4 (Eirasvedras–Seixalbo), que durante o horario do dispositivo modificarán o seu percorrido ata a Avenida da Universidade.