Ourense celebrará a IX Copa Deputación de patinaxe artística o vindeiro domingo

O Pavillón da Carballeira 'Secundino Basalo' de Ourense será escenario, o vindeiro domingo 27 de setembro, da IX Copa Deputación de Ourense de patinaxe artística, unha competición organizada polo Club Deportivo Ourela.
A xornada dividirase en dúas sesións. Pola mañá, as probas comezarán ás 10.00 horas coa competición do Nivel 1 (6+7) e prolongaranse ata as 14.00 horas, incluíndo tamén as categorías de Nivel 2 (7+7+7), Nivel 3 (9) e Nivel 4 (6+7).
Pola tarde, a actividade retomarase ás 16.00 horas con novas probas de competición, entre elas o Nivel 7 (8) e o Nivel 5 (5), ás que seguirá unha quenda de contacto de pista libre para a modalidade de Solo Dance en todas as categorías, e posteriormente outra quenda de contacto de pista libre aberta a todas as categorías.
Tras un descanso, o programa continuará coas probas de Solo Dance cadete e xunior, Nivel 6 e Nivel 8, a categoría amateur cadete e xunior, e finalmente a categoría rexional infantil, cadete e nacional alevín. A xornada pecharase, arredor das 19.30 e as 20.00 horas, co desfile e a entrega de trofeos.