Ourense conmemora o 25N

OurenseXa
Durante toda a mañá, as diferentes institucións da cidade levaron a cabo actos para condenar a violencia machista e lembrar ás vítimas
Ourense-25N
25 Nov 2024

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, presidiu esta mañá o acto institucional que a Subdelegación ourensá organizou para conmemorar o 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

Durante o mesmo, Eladio Santos e a xefa da Oficina de Estranxeiría da Subdelegación, Josefina Rodríguez, procederon á lectura do tradicional manifesto, no que se destacou que “este 28 de decembro, España celebrará 20 anos dende a aprobación da Lei Orgánica de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero. Unha Lei que marcou e consolidou un cambio de paradigma respecto á violencia de xénero, ao considerala, de maneira formal, unha cuestión de Estado”.

Nel, tamén se lembrou que “a crecente concienciación da sociedade, así como o impulso do movemento feminista, propiciou a firma do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero en 2017, que representa o gran consenso que existe en España para loitar de forma unánime e firme contra esta violencia”. Non obstante, as cifras falan por si solas: 1.286 mulleres foron vítimas mortais da violencia de xénero dende 2003 (41 en 2024), 465 menores quedaron orfos dende 2013 (32 este ano) e 61 menores foron asasinados por violencia de xénero dende 2013 (8 neste 2024).

E precisamente en relación a estes datos, xunto ás últimas noticias coñecidas sobre presuntos casos de violencia de xénero que aínda están sen confirmar polas autoridades, o subdelegado do Goberno, durante a súa intervención, fixo fincapé en que “cando remate este acto seguramente veremos unha nova detención por unha presunta agresión a unha muller.

Ante esta situación, é obxectivo prioritario do Goberno a loita contra a violencia de xénero. As institucións deben dar resposta ás vítimas”, sinalou. A este acto institucional, que contou coa actuación musical de Lorena e María, e coa performance “Porque te quere”, asistiron tamén representantes do Concello de Ourense, Garda Civil, Policía Nacional, organismos da Administración Xeral do Estado e funcionarios públicos.

O Concello de Ourense súmase ás reivindicacións polo 25N

O Concello de Ourense sumouse esta mañá á celebración, hoxe, do 25 de novembro, Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, cun acto institucional que se desenvolveu no salón de plenos, con asistencia de representantes de diferentes grupos políticos municipais. A concelleira de Igualdade, Noa Rouco, deu lectura a unha declaración conmemorativa aprobada pola Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) con motivo de esta celebración O texto recolle o compromiso do municipalismo galego na loita contra a violencia machista, e fai “un chamamento para que se denuncien todas as formas de violencia contra as mulleres.

Non pode haber máis silencios cómplices. Xa é tempo de que a vergoña, que ata agora recaía sobre as vítimas que sofren a violencia, cambie de bando e recaia sobre os agresores”. O Concello celebra o 25 N cunha programación de actividades co lema “Apaga a violencia en todas as súas formas”

0.043013095855713