Ourense e a localidade andorrana de Escaldes-Engordany analizan novas vías de colaboración

Ourense e a localidade andorrana de Escaldes-Engordany analizan novas vías de colaboración arredor da xestión do termalismo nun encontro institucional celebrado en Andorra. A concelleira de Turismo e Termalismo do Concello de Ourense, Noa Rouco, viaxou ata Andorra para manter unha xuntanza institucional no Comú de Escaldes-Engordany, onde foi recibida pola cónsul maior, Rosa Gili, xunto co equipo de goberno local. O encontro centrouse no intercambio de experiencias sobre a xestión municipal dos recursos termais e o seu papel no desenvolvemento turístico.
Escaldes-Engordany, unha das sete divisións administrativas do Principado de Andorra, é recoñecida polo seu peso no ámbito do termalismo grazas ás súas fontes naturais de auga quente. A súa administración municipal, o Comú, é a entidade responsable da xestión pública da localidade.
Durante a visita, Noa Rouco coñeceu diferentes instalacións, entre elas o complexo termal da cidade, considerado un dos principais centros lúdicos de Europa, así como outros espazos vinculados ao aproveitamento das augas termais integrados no tecido urbano.
Segundo explicou a propia concelleira, “intercambiamos experiencias e puntos de vista sobre modelos de xestión, promoción do turismo termal e posibles sinerxías entre territorios con recursos similares”.
A visita realizouse no marco dunha invitación institucional que, segundo destacou Rouco, busca “reforzar o coñecemento mutuo e compartir boas prácticas” desde unha perspectiva de cooperación entre territorios con características semellantes no ámbito termal.