Ourense é unha das oito cidades escollidas para acoller o 'UFF! Urban Femme Fest'

O Auriense Café Cultural acolle o 7 de novembro, ás 21.00 horas, a parada ourensá do 'UFF! Urban Femme Fest', o proxecto itinerante centrado no talento feminino da música urbana. O festival comeza o seu percorrido un día antes en Santiago de Compostela e, ao longo dun mes, visitará oito cidades repartidas por distintas comunidades autónomas.
O cartel fórmano Julia Cry e Cecilia Zango, as dúas artistas que se manteñen fixas en todas as datas da xira, xunto a Hydn, a cantante coruñesa encargada de representar o talento local nas citas galegas. Hydn, Premio Martín Códax da Música 2024 a Mellor Artista Urbana, actúa tanto en Santiago o día 6 coma en Ourense o día 7.
Julia Cry chega á cita tras un percorrido meteórico: en apenas tres anos pasou de compoñer cancións na casa a actuar en festivais como Fun Futura, Spring Play ou Cartagena Suena. O seu primeiro álbum, 'Insisto' (2024), alzouse cos premios a Mellor Artista Emerxente e Mellor Álbum Urbano nos Premios Yepes. Cecilia Zango, formada no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid, combina flamenco, melismas árabes e influencias africanas con son urbano, e en 2026 deu un xiro cara a un reggaetón de tons escuros co seu EP 'FURIOSA'.
A iniciativa busca visibilizar as mulleres dentro de xéneros coma o reggaetón, o trap, o hip hop, o drill ou o R&B, onde, a pesar de seguir sendo minoría nos carteis dos grandes festivais, representan unha parte fundamental da industria musical actual.