Ourense estrea nova empresa para a recollida de residuos e a limpeza viaria

O Concello de Ourense puxo en marcha este martes, 1 de setembro de 2026, o novo contrato de recollida de residuos domésticos e limpeza das vías públicas da cidade, que a partir de agora quedará en mans da empresa Eco Auriense. A presentación do novo servizo tivo lugar esta mañá na Praza Maior, onde se amosaron algúns dos medios materiais cos que contará a concesionaria —entre eles varredoras, carritos e triciclos de limpeza— e á que asistiu unha trintena de persoas traballadoras vinculadas ao servizo.
Eco Auriense é a denominación comercial da unión temporal de empresas (UTE) formada por SA de Obras y Servicios Copasa, SA e Setec Building, SL, adxudicataria do contrato tras un proceso de licitación no que se valoraron tanto a proposta técnica como a económica. Esta oferta resultou ser a de mellor relación calidade-prezo, ao combinar a mellor valoración técnica coa proposta máis económica para as arcas municipais: 15.222.914,91 euros anuais, IVE incluído, o que supón unha baixa do 6,15 % sobre o prezo de licitación.
O novo contrato ten unha vixencia de dez anos, desde 2026 ata 2036, e engloba tres ámbitos de actuación: a recollida de residuos domésticos, a xestión dos puntos limpos da cidade e a limpeza das rúas.
Durante a presentación explicouse que o cambio de concesionaria permitirá ir incorporando melloras de forma progresiva, coa chegada escalonada de nova maquinaria nas vindeiras semanas. Está previsto que a renovación dos equipos quede completada en marzo, data na que o novo modelo de recollida e limpeza funcionará xa a pleno rendemento.