Ourense impulsa novos proxectos deportivos vinculados ao río Miño coa colaboración da Confederación Hidrográfica

OurenseXa
O Concello avanza na creación dunha canle de augas bravas, un pantalán en Velle e novos vestiarios no complexo deportivo de Oira
Concello-Ourense-recurso
30 Jul 2026

O Concello de Ourense continúa dando pasos para potenciar o aproveitamento deportivo do río Miño ao seu paso pola cidade. O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Aníbal Pereira Novoa, e o xerente do Consello Municipal de Deportes, Mario González Rodríguez, mantiveron unha reunión de traballo co presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), José Antonio Quiroga, co obxectivo de analizar diferentes actuacións relacionadas coas infraestruturas deportivas municipais.

Un dos asuntos centrais do encontro foi o proxecto dunha canle de augas bravas, unha iniciativa que o Concello considera estratéxica para reforzar a oferta deportiva e sacar un maior rendemento ao potencial do río Miño. Tras os contactos mantidos previamente coa Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta, os representantes municipais trasladaron esta proposta á Confederación Hidrográfica para coñecer a súa viabilidade.

Segundo explicou o Concello, o presidente da CHMS comprometeuse a estudar a iniciativa de forma favorable unha vez que o Consello Municipal de Deportes complete e presente a documentación técnica que está a elaborar para definir o proxecto.

Outra das demandas presentadas durante a reunión foi a instalación dun pantalán na contorna do Hangar de Deportes Náuticos de Velle. O Concello considera prioritaria esta infraestrutura para facilitar un acceso seguro ao río ás persoas que practican piragüismo e outras disciplinas náuticas, especialmente aos integrantes do Club de Piragüismo Ourense.

Desde a administración local sinalan que a ausencia dunha zona de embarque adecuada limita o desenvolvemento desta modalidade deportiva e reduce as posibilidades de incorporar novos practicantes, malia contar cunha contorna especialmente favorable para este tipo de actividades.

Na reunión tamén se abordou a construción dun novo edificio de vestiarios para dar servizo ao Complexo Deportivo de Oira. O principal obxectivo era coñecer a viabilidade da actuación, tendo en conta que se trata dunha área susceptible de inundacións. Tras as consultas técnicas realizadas, o proxecto foi considerado viable, polo que poderá continuar avanzando na súa tramitación.

Ao remate da xuntanza, ambas partes coincidiron na importancia de manter unha colaboración permanente para impulsar estes proxectos e acordaron seguir intercambiando información técnica a medida que avance a súa elaboración, co propósito de facilitar o desenvolvemento das actuacións previstas.

0.12515997886658