Ourense lembra a Alexandre Bóveda no 123 aniversario do seu nacemento

O Concello de Ourense celebrou esta mañá un acto de homenaxe ao político e intelectual ourensán Alexandre Bóveda con motivo do 123 aniversario do seu nacemento. A lembranza desenvolveuse diante da súa casa natal, situada na rúa da Barreira, e contou coa participación de representantes de todos os grupos municipais (DO, PP, PSdeG-PSOE e BNG), ademais da Fundación Alexandre Bóveda.
Durante o acto realizouse unha ofrenda floral en memoria do homenaxeado. A concelleira de Educación e Asuntos Sociais, Tamara Silva, sinalou na súa intervención: “Reunímonos un ano máis a carón da súa casa natal para render homenaxe á súa memoria, á súa figura, ao seu legado e aos valores por cuxa defensa foi criminalmente privado da súa vida o 17 de agosto de 1936 no monte da Caeira, perto de Pontevedra”.
A edil repasou tamén a traxectoria de Bóveda e destacou o seu papel na elaboración do Estatuto de Autonomía de 1936, ao que se referiu como unha peza clave na configuración dun proxecto de autogoberno para Galicia. Segundo indicou, o texto defendía, entre outros aspectos, a creación de institucións propias, competencias en ámbitos como o ferroviario ou o desenvolvemento industrial, así como a promoción da lingua e da cultura galegas. Tamén puxo en valor o seu compromiso cos valores democráticos e co sufraxio universal.
Silva engadiu que, malia a traxedia da súa morte, o seu legado tivo continuidade no tempo: “A pesares da dor e da tristura que nos causa a lembranza dese asasinato, así como doutros moitos episodios represivos similares que tiveron lugar na mesma época, quédanos o consolo de que a súa morte non foi en balde. A súa morte foi semente que fixo florecer noutros moitos loitadores, e cada vez en máis sectores sociais, a defensa dos valores e dereitos que promoveu, valores e dereitos que en moitos aspectos asumimos e desfrutamos hoxe en día, o que en gran medida lle debemos ó seu traballo e á súa entrega á causa de Galicia”, asegurou.
Pola súa banda, o representante da Fundación Alexandre Bóveda, Ernesto Vázquez Rey, expresou a satisfacción da entidade por participar no acto e subliñou a relevancia do homenaxeado na historia política e económica de Galicia. Lembrou a súa contribución á administración pública, o seu labor como economista na Deputación de Pontevedra e a súa participación na creación da Caixa de Aforros de Pontevedra, antecedente de Abanca. Vázquez Rey rematou expresando o desexo de que “todos os anos sigamos aquí reunidos, cada vez sexamos máis, e que siga a implicación das institucións para lembrar unha figura fundamental na historia de Galicia”.
O acto concluíu co agradecemento da concelleira ás persoas asistentes.