Ourense pon o foco no termalismo como motor económico e de patrimonio para Galicia

GaliciaXa | OurenseXa
O II Congreso Internacional da Xestión de Balneoterapia celebrado na cidade pon o foco no papel da auga termal como recurso sanitario, turístico e de desenvolvemento territorial para as vilas e cidades termais galegas
II Congreso Internacional da Xestión de Balneroterapia
23 Sep 2026

Ourense acolle o 'II Congreso Internacional da Xestión da Balneoterapia', un encontro que se desenvolve na Aula Magna Xosé Ángel Valente da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do Campus de Ourense.

Durante o acto de inauguración, o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, defendeu que o termalismo vai moito máis alá dos balnearios, ao tratarse dun recurso multifuncional que combina turismo, economía, benestar e innovación, sen perder de vista a súa dimensión terapéutica e sanitaria.

Pardo salientou que apostar polo termalismo supón tamén apostar polo territorio, xa que se trata dunha actividade profundamente ligada ás vilas e cidades termais galegas, con capacidade para xerar emprego, dinamizar a economía local e proxectar a imaxe de Galicia cara ao exterior.

Ao acto asistiron tamén a reitora da Universidade de Vigo, Carmen García; a presidenta da Asociación de Balnearios de Galicia, María Soledad Espiño; o presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor; e o decano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, Jesús Vázquez.

Na súa intervención, o delegado territorial destacou que o aumento da esperanza de vida presenta un novo reto: non só vivir máis anos, senón mellorar a calidade deses anos. Neste contexto, sinalou que o termalismo pode desempeñar un papel relevante dentro dun modelo de atención preventiva e orientada ao benestar, contribuíndo a previr enfermidades e a mellorar a calidade de vida das persoas.

Así mesmo, remarcou o apoio institucional da Xunta de Galicia ao sector termal, ao que considerou fundamental para acompañar o seu desenvolvemento, impulsar procesos de modernización e innovación, e favorecer un aproveitamento sostible dos recursos hídricos, reforzando así o papel do termalismo como parte do patrimonio e da economía galega.

Ourense, referencia do termalismo

O congreso enmárcase no ámbito de estudo e investigación do Campus Auga da Universidade de Vigo, e ten como principal obxectivo servir de espazo de encontro para compartir coñecemento sobre o aproveitamento das propiedades terapéuticas das augas mineromedicinais.

Pardo destacou que, durante estes días, Ourense volverá situar a auga termal no centro do debate, abordándoa desde perspectivas como a ciencia, a saúde, a economía, a tradición e a innovación, grazas ao compromiso das institucións e á capacidade dun sector que evolucionou sen desligarse das súas raíces.

O delegado avanzou ademais que, poucos días despois deste congreso, Ourense acollerá en Expourense a feira internacional de turismo termal Termatalia, que reunirá de novo a representantes de distintos países e mercados nacionais e internacionais, tras o éxito da súa edición anterior celebrada en Colombia.

Recoñecemento a dúas referentes

O encontro serviu tamén como homenaxe a dúas figuras destacadas do termalismo galego: o doutor Luis Rodríguez Míguez e a doutora Marita Souto, recoñecidos pola súa contribución ao desenvolvemento desta actividade nunha etapa na que o termalismo moderno aínda estaba por construír. Segundo remarcou Pardo, ambos representan traxectorias que fixeron do termalismo unha realidade viva, moderna e con proxección de futuro.

0.16800284385681