Ourense ponse a punto para revivir vinte anos de tradición coa gala Beizón

Ourense ultima os últimos detalles dunha das citas culturais máis esperadas do outono. Este venres 20 de novembro, o Teatro Principal da cidade abrirá as súas portas ás 21.00 horas para acoller Beizón, a gala coa que Rebulir Cultura Tradicional conmemora dúas décadas de traxectoria.
O acto está pensado como un percorrido polo camiño que a entidade levou a cabo dende os seus inicios, e tamén como un punto de encontro para todas as persoas que, dun xeito ou doutro, formaron parte deste proxecto ao longo dos anos. A música, o baile e a cultura popular —sinais de identidade de Rebulir dende a súa fundación— centrarán unha velada que a propia organización define como unha ocasión para lembrar o camiño percorrido, reencontrarse e render homenaxe a quen estivo vinculado á súa historia.
Con esta celebración, Rebulir Cultura Tradicional pon en valor dúas décadas de traballo adicadas á promoción e difusión das tradicións galegas, consolidándose como unha das referencias culturais de Ourense neste eido.