Ourense prepara os detalles do partido solidario contra o cancro de mama que se xoga este xoves en Oira

Ourense prepárase para vivir este xoves, 22 de outubro, ás 19.00 horas, unha nova cita co deporte solidario. O Campo Municipal de Oira acollerá, por sexto ano consecutivo, o partido benéfico contra o cancro de mama, enmarcado na conmemoración do Día Mundial contra esta enfermidade.
Baixo o lema 'Tomámolo a peito', unha campaña deseñada xunto a pacientes e sobreviventes que son as verdadeiras protagonistas, o encontro busca poñer o foco no desgaste físico, emocional e social que atravesan as persoas afectadas e a súa contorna máis próxima. Sobre o céspede mediranse a Escola de Fútbol Feminino Rosalía e o combinado Mulleres de Ourense, nun duelo que se converteu co paso dos anos nun símbolo do respaldo da cidade a esta causa.
As entradas, cun prezo simbólico de 5 euros, puxéronse á venda cun aforo limitado de 1.000 localidades e poden conseguirse en varios puntos da cidade: a sede provincial da Asociación Española Contra o Cancro (rúa Doutor Marañón, 21-baixo), a súa oficina no Hospital Santa María Nai (CHUO), a sede da EFF Rosalía, a Cafetería Pabellón (avenida Pardo de Cela) e as oficinas dos distintos grupos municipais. Quen o prefira pode colaborar igualmente a través da fila cero habilitada na conta de ABANCA ES68 2080 0475 5630 4000 0077.
Durante o descanso celebraranse varios sorteos, posibles grazas á colaboración de empresas e comercios da provincia, e quen non poida achegarse ao estadio poderá seguir o encontro en directo a través da canle de YouTube da EFF Rosalía.
A iniciativa, respaldada pola Deputación de Ourense, a Xunta de Galicia, o Concello de Ourense, o Consello Municipal de Deportes, a EFF Rosalía, o Ourense CF e varios negocios locais, lembra que cada entrada vendida se traduce directamente en fondos para a investigación oncolóxica, a vía máis eficaz para seguir avanzando en prevención, diagnóstico temperán e tratamentos.