Ourense prepárase para a tradicional Procesión de Fátima con cortes de tráfico polo centro da cidade durante esta noite

OurenseXa
Entre as zonas afectadas atópanse a rúa Ervedelo, desde a súa intersección coa rúa Monseñor José Álvarez ata a rúa Progreso, así como distintos puntos desta última vía
cortes-procesion-fatima-ourense
13 May 2026

A Policía Local do Concello de Ourense informou de que, con motivo da celebración da Procesión de Fátima, prevista para este mércores 13 de maio, se producirán cortes e restricións de tráfico en varias rúas do centro da cidade.

As limitacións ao tráfico rodado comezarán ás 22:00 horas e manteranse ata a finalización do acto relixioso, afectando ás vías polas que discorre o percorrido.

Entre as zonas afectadas atópanse a rúa Ervedelo, desde a súa intersección coa rúa Monseñor José Álvarez ata a rúa Progreso, así como distintos puntos desta última vía, onde se realizarán desvíos de circulación. En concreto, o tráfico será redirixido á altura da rotonda de Concepción Arenal e tamén cara á baixada da Praza de Abastos, con saída en dirección á rúa Irmáns Xesta.

Así mesmo, tamén quedarán pechadas ao tráfico durante o desenvolvemento da procesión outras rúas e espazos céntricos, como a Praza Eugenio Montes, a rúa Cruz Vermella, a rúa Lamas Carvajal, a Praza de Santa Eufemia e a rúa Juan de Austria.

Desde a Policía Local recoméndase á cidadanía planificar os desprazamentos e empregar itinerarios alternativos durante o horario no que se desenvolvan as restricións.

0.13006782531738