Ourense recibe hoxe á Unión Deportiva Ourense na Praza Maior para celebrar o seu ascenso a Primeira Federación

O Concello de Ourense recibe hoxe, martes 2 de xuño, á Unión Deportiva Ourense nun acto público que terá lugar ás 20:30 horas na Praza Maior, con motivo da celebración do ascenso do equipo á Primeira Federación do fútbol español.
O evento contará coa presenza de xogadores, corpo técnico, adestrador e directiva do conxunto ourensán, nun recoñecemento institucional tras a consecución dun logro histórico para o club.
A Unión Deportiva Ourense conseguiu o ascenso despois de superar na última eliminatoria da fase de promoción á Unión Balompédica Conquense. O equipo impúxose por 1-0 no partido de ida, disputado en O Couto, e por 2-0 no encontro de volta, celebrado onte en Cuenca.
O encontro decisivo foi seguido por milleiros de afeccionados desde a Praza Maior, onde se instalou unha pantalla xigante para vivir en directo a clasificación do equipo ourensán.