Ourense recibe o Premio á Xestión Pública do Deporte nos XVII Premios Galicia á Xestión Deportiva

O concelleiro de Deportes, Aníbal Pereira, recolleu este venres 27 de novembro o Premio á Xestión Pública do Deporte, outorgado ao Concello de Ourense pola Asociación Galega de Xestión Deportiva (Agaxede) na XVII edición dos Premios Galicia á Xestión Deportiva. O acto tivo lugar no Paraninfo do Reitorado da Universidade da Coruña, no marco do VIII Congreso Galego de Xestión Deportiva: Deporte, Turismo e Municipio.
O premio recoñece “a entidade pública que máis destacase na xestión deportiva de plans ou proxectos de actividades, espazos ou infraestruturas e calquera outro recurso que contribúa á mellora e desenvolvemento do deporte no ámbito da súa competencia”, segundo recollen as bases da convocatoria.
Durante a súa intervención, Aníbal Pereira puxo en valor o papel do deporte como motor de cohesión social, mellora da calidade de vida e dinamizador turístico dunha cidade. Tras felicitar a Agaxede e ao resto de entidades galardoadas, o edil destacou a necesidade de situar a xestión deportiva no centro das políticas municipais.
Subliñou a importancia de que as responsabilidades nesta área recaian en persoas “que teñan paixón polo deporte, que o sintan como básico para mellorar a nosa sociedade e a calidade de vida”, e de que sexan capaces “rodearse dos mellores, como teño a sorte de que me ocorre a min”. «Non esquezamos nunca que temos a inmensa fortuna de traballar no sector deportivo, sen dúbida o máis fermoso e reconfortante do mundo», manifestou Aníbal Pereira.