Ourense reúne a 90 participantes no VII Seminario Internacional sobre Democracia, Cidadanía e Estado de Dereito

OurenseXa
O Sidecied 2026 reuniu esta semana a representantes de 70 institucións académicas e centra o debate na gobernanza, a cidadanía e os retos do estado democrático de dereito
sidecied-2026
4 Jul 2026

O campus de Ourense acolle esta semana a celebración da sétima edición do Seminario Internacional sobre Democracia, Cidadanía e Estado de Dereito (Sidecied 2026), un encontro académico que nesta ocasión xira arredor da temática “Gobernanza, cidadanía e estado democrático de dereito”.

O evento nace da colaboración impulsada por profesorado da Universidade de Vigo, da Universidade Estadual de Londrina, da Universidade Federal Fluminense de Río de Janeiro e do Instituto Gilvan Hansen. Nesta edición participan 90 persoas e presentáronse 180 comunicacións, das cales 60 serán expostas presencialmente. A programación desenvolverase nun formato mixto, con actividades presenciais no campus ourensán e grupos de traballo tamén a través de medios telemáticos.

A sesión inaugural contará coa participación de Montserrat Cruz, vicerreitora do campus de Ourense; Rosendo Fernández, presidente do Inorde e deputado provincial; Susana Álvarez, decana da Facultade de Dereito da UVigo; Guillermo Suárez, catedrático e profesor da Facultade de Dereito da Universidade de Vigo e director do encontro; e Gilvan Luiz Hansen, profesor da Facultade de Dereito da Universidade Federal Fluminense e codirector do seminario xunto a Guillermo Suárez e Antón Lois Fernández.

Tras a apertura institucional desenvolverase a conferencia inaugural, centrada en “Novas tecnoloxías dixitais e gobernanza na sociedade da información globalizada”, que será impartida por Bianca Kremer Nogueira, conselleira do Comité Gestor de Internet en Brasil (CGI.BR) e codirectora do Instituto DOT, xunto con Eder van Pelt, profesor da Universidade Federal Fluminense.

Segundo explican desde a organización, o Sidecied consolidouse ao longo dos anos grazas a unha ampla rede internacional de colaboración académica impulsada inicialmente pola Universidade de Vigo, a Universidade Estadual de Londrina, a Universidade Federal Fluminense e o Instituto Gilvan Hansen, á que se sumaron numerosas entidades colaboradoras.

O seminario conta co patrocinio do Campus Auga, proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado e financiado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional; do Consello Social da UVigo e de Lauro Rabha Advogados.

Entre os seus obxectivos figura a análise das cuestións relacionadas coa democracia e coa xestión das institucións desde unha perspectiva vinculada á xustiza social e á sustentabilidade, tendo en conta o contexto actual marcado polas desigualdades e polas crises institucionais presentes a nivel internacional.

Ademais, a iniciativa busca fomentar o intercambio de experiencias entre institucións, analizar os retos que afectan ao ámbito xurídico e fortalecer redes de investigación que poidan derivar en futuras colaboracións académicas internacionais.

Nesta edición participan representantes de 70 institucións universitarias, académicas e de investigación, un dato que, segundo a organización, reforza o carácter internacional do encontro. Desde o seminario sinalan que “máis que un seminario, expresa unha rede internacional de investigación, colaboración e afecto académico”.

En relación coa temática escollida este ano, os organizadores explican que o encontro pretende abordar os desafíos actuais das ciencias humanas e sociais, especialmente no ámbito do dereito, para avanzar cara modelos sociais baseados en principios democráticos, igualitarios e xustos.

Tamén apuntan que o escenario internacional actual está condicionado por crises institucionais, pola aparición de movementos totalitarios e polos cambios nas dinámicas de poder global, cuestións que, segundo consideran, teñen unha incidencia directa sobre a gobernanza das institucións e sobre a vida das persoas.

Neste contexto, desde a organización consideran que a participación cidadá nos procesos de decisión, deliberación e control institucional adquire unha importancia crecente. Do mesmo xeito, sinalan a necesidade de avanzar en mecanismos que favorezan un desenvolvemento sostible e permitan afrontar os retos globais actuais desde unha perspectiva democrática e participativa.

0.10088300704956