Ourense será sede da segunda fase da Liga Nacional de Karate Infantil con preto de 1.100 deportistas

GaliciaXa | OurenseXa
O Pazo dos Deportes Paco Paz reunirá os días 7 e 8 de novembro a preto de 1.500 persoas vinculadas á competición, entre deportistas, técnicos e organización, cun impacto estimado duns 4.500 persoas na cidade durante a fin de semana
artes-marciais-karate-judo-recurso
Imaxe de arquivo ilustrativa
4 Nov 2026

A cidade de Ourense será sede os vindeiros días 7 e 8 de novembro da segunda fase da Liga Nacional de Karate Infantil, unha cita deportiva que terá como escenario o Pazo dos Deportes Paco Paz. A organización corre a cargo da Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas, coa colaboración do Concello de Ourense, da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia.

A competición reunirá a preto de 1.100 karatecas procedentes de 133 clubs de toda España, con idades comprendidas entre os 5 e os 13 anos. A esta cifra hai que sumar 250 adestradores, 50 árbitros e un equipo organizador composto por 40 persoas, polo que o número total de persoas directamente vinculadas ao evento rondará as 1.500. Segundo as estimacións da organización, o volume total de visitantes —sumando participantes e acompañantes— podería acadar as 4.500 persoas ao longo da fin de semana, o que suporá un importante impulso para a economía local.

A representación ourensá estará formada por 31 deportistas pertencentes a catro clubs da provincia: o Club de Karate de Maceda, o Mizukami de Ribadavia, o River Stone do Barco de Valdeorras e o Karate Club Xinzo de Limia.

En canto ao formato deportivo, a competición desenvolverase nas modalidades de Kata (técnica), Kumite (combate) e Para-karate (técnica adaptada para deportistas con discapacidade). O sábado 7 de novembro estará dedicado á categoría masculina, mentres que a xornada do domingo 8 reservarase para a categoría feminina. Cómpre salientar que a presenza de mulleres na competición é moi elevada, achegándose case ao 50 % do total de deportistas inscritos.

Esta cita suporá a cuarta competición de ámbito nacional que se celebra na cidade de Ourense, tras o Campionato de España Infantil de 2021, o Campionato de España Absoluto de 2023 e a Liga Nacional Infantil de 2025.

Previamente, o venres 6 de novembro terá lugar o acto de presentación do evento no propio Pazo dos Deportes Paco Paz, a partir das 12.30 horas, coa participación de representantes institucionais e dos presidentes da Real Federación Española de Karate e da Federación Galega de Karate.

0.19337701797485