Ourense vive o 11-N con servizos mínimos no transporte, escaso seguimento en sanidade e unha concentración pola vivenda

OurenseXa
O festivo local de San Martiño e a choiva condicionan unha xornada de folga xeral que arrancou con piquetes de madrugada
autobuses-urbanos-ourense-pavillon-dos-remedios
Imaxe de arquivo
11 Nov 2026

A folga xeral de 24 horas convocada este mércores, 11 de novembro, pola CIG, CCOO, UGT e CNT, entre outras organizacións, chegou a Ourense nunha data singular: coincide co festivo local de San Martiño e cunha xornada de choiva. Os sindicatos reclaman medidas fronte ao encarecemento da vida, as dificultades para acceder a unha vivenda, a precariedade laboral e o deterioro dos servizos públicos.

Piquetes desde a madrugada

Segundo o balance da CIG, a quenda de noite de Rubí Automotive, en Ribadavia, secundou case na súa totalidade o paro. Ademais, estaban previstos piquetes na estación intermodal e nas cocheiras do transporte urbano da capital.

Transporte

Existe a obriga de manter en circulación durante todo o día 16 autobuses urbanos: un nas liñas 1, 5, 6, 7, 8, 9, 10, 11, 13 e 16, e dous nas liñas 2, 3 e 4. No taxi debe estar operativo, como mínimo, o 50% das licenzas. Renfe, pola súa banda, garante o 65% dos servizos de Media Distancia.

Sanidade

Os datos da quenda de mañá difundidos pola Xunta sitúan a área sanitaria de Ourense co menor seguimento de toda Galicia en Atención Primaria, un 3,05%. No Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) non se contabilizou ningún folguista durante esa mesma quenda.

Mobilizacións

A marcha da CIG partiu ás 11.00 horas desde o edificio sindical, e as mobilizacións da mañá na capital reuniron a centos de persoas. Ás 18.00 horas hai convocada unha concentración ante a Subdelegación do Goberno, no parque de San Lázaro, dentro das citas que a Plataforma Galega Vivenda Xa! convocou a esa hora nas capitais de provincia. A véspera, Alianza pola Vivenda xa congregara nese mesmo lugar a colectivos sociais, que leron un manifesto contra a especulación inmobiliaria e o encarecemento dos alugueiros e reclamaron respostas políticas inmediatas.

0.16993689537048