Paderne de Allariz acollerá unha andaina de outono con percorridos de ata 18 quilómetros

OurenseXa
O Concello celebrará o vindeiro 22 de novembro unha xornada de sendeirismo con tres percorridos de distinta distancia e dificultade, pensados tanto para persoas adultas como para os máis pequenos
andaina de outono Paderne de Allariz
31 Oct 2026

Paderne de Allariz acollerá, o vindeiro 22 de novembro, unha nova edición da Andaina de Outono, unha xornada de sendeirismo organizada pola asociación RUN e que conta coa colaboración do Concello de Paderne de Allariz, Inorde (Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico) e a Deputación de Ourense.

A actividade comezará ás 9.30 horas, hora na que sairán os percorridos longo e medio, mentres que a saída para os participantes máis novos está prevista para as 10.30 horas.

Na cita poderá escollerse entre tres itinerarios. O percorrido longo terá unha extensión aproximada de 18 quilómetros, o medio rondará os 12 quilómetros, e a opción pensada para a cativada terá un trazado duns 4 quilómetros, no que os nenos e nenas deberán ir sempre acompañados dunha persoa adulta.

A inscrición ten un custo de 10 euros, aínda que a participación dos máis pequenos será gratuíta. O prezo inclúe o avituallamento tanto durante o percorrido coma á chegada. Quen queira apuntarse poderá facelo a través da aplicación Saudeter ou mediante as páxinas web de Saudeter e Sportsmaniac.

0.14227509498596