Pedro Blanco destaca en Ourense o papel da economía social como resposta ao reto demográfico

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, situou este mércores en Ourense a economía social como unha ferramenta clave para afrontar o reto demográfico na comunidade, durante a inauguración do seminario internacional de Emprego Sostible celebrado na Universidade de Vigo (UVigo), no campus ourensán, dentro do proxecto europeo Rights EU.
Blanco subliñou o papel da provincia como “epicentro do esforzo do Goberno de España no reto demográfico”, destacando que neste territorio a economía social contribúe a fixar poboación, facilitar servizos básicos e xerar emprego.
Na súa intervención, o delegado sinalou que “en Ourense a economía social contribúe a que a cidadanía desenvolva un proxecto vital na súa terra, facilita a prestación de servizos adaptados ás necesidades sociais e fai todo isto, ademais, desde unha lóxica de arraigo, de compromiso co entorno e de sustentabilidade a longo prazo”, definíndoa ademais como un modelo “que non só produce bens e servizos, senón que tamén xera igualdade social e equilibrio territorial”.
Así mesmo, puxo en valor a futura Lei de Economía Social como resultado do compromiso do Goberno co sector, destacando que “supón a culminación do compromiso do Goberno co sector” e que nace do consenso coas entidades implicadas. Segundo explicou, esta normativa “pon ás entidades sociais no centro, evita o intrusismo laboral, dálles máis relevancia na contratación pública e dota dun marco normativo máis beneficioso ás cooperativas”.
Blanco defendeu tamén o papel do ámbito académico no desenvolvemento destas políticas e salientou a relevancia do seminario organizado pola UVigo, ao considerar que “sen o traballo da academia, sen a súa capacidade de cuestionar, medir e propoñer, sería imposible construír e soster o noso Estado do Benestar”.
O delegado enmarcou este encontro como “unha ferramenta clave para avanzar con fundamento cara a unha sociedade máis xusta e igualitaria”, reforzando a importancia da colaboración entre institucións, universidade e sector social no deseño de solucións fronte aos desafíos demográficos e económicos.