Pereiro de Aguiar presenta unha vintena de actividades culturais para os vindeiros meses

Pereiro de Aguiar vén de presentar unha intensa programación de actividades culturais para os vindeiros meses, cun calendario pensado para todos os públicos no que a música, o teatro e as tradicións locais se converten nos grandes piares da oferta de actividades.
A programación, que comezará este mesmo sábado 18 de abril, estenderase ao longo de todo o ano ata o Nadal, consolidando o Auditorio dos Gozos, a Praza do Concello, o campo dos Gozos e outros espazos como escenarios principais da vida cultural do municipio.
O arranque chegará en abril, dentro da Semana do Libro, cunha proposta teatral para público infantil e familiar titulada “As Mil e Unha”, que se representará o 18 de abril ás 18.30 horas no Auditorio dos Gozos. Uns días despois, o 21 de abril, será a quenda de “A Bolboreta Roseta”, con Erea Mora, programada ás 18.00 horas no mesmo espazo e orientada tamén ao público familiar.
En maio a actividade cultural continuará con forza. O día 8 representarase “A Verdadeira Historia dos Tres Porquiños e o Lobo” con Teatro do Andamio ás 18.30 horas no Auditorio dos Gozos. O 15 de maio a rúa e a praza gañarán protagonismo co espectáculo “Circo Menudo”, con Tanito e o Mago Brais ás 19.00 horas na Praza do Concello, mentres que o 24 de maio chegará “A Tarabela Ambulante” ás 12.00 horas no mesmo lugar. Xa a finais de mes, entre o 28 e o 30 de maio, o Auditorio dos Gozos acollerá a segunda edición do Festival de Teatro afeccionado Padre Feijoo.
O mes de xuño combinará música, festa e tradición. O día 13 celebrarase o Ruxido Fest, a festa da xuventude, con DJs de recoñecemento nacional e galego a partir das 22.00 horas na Zona Monterrei. Ao día seguinte, o 14 de xuño, actuarán a Escola Musical do Pereiro no Auditorio dos Gozos, e o 20 de xuño será o turno do grupo de pandereteiras “As Lapacaldas”, ás 19.00 horas no mesmo recinto.
En xullo a programación desprazarase entre a música tradicional, as artes escénicas e a cultura popular. O 3 de xullo representarase “Aldara na Montaña”, con Soraya Lema, ás 20.00 horas na Praza do Concello. O 12 de xullo celebrarase a Festa Etnográfica de Loñá, cun mercado de produtos artesanais e numerosas actividades ao longo do día, incluíndo actuacións do grupo “Os Xuncos”, das cantareiras “As Lapacaldas” e do grupo de acordeóns “Airiños de Foles”, ademais de propostas infantís e xogos populares. O 25 de xullo, Día de Galicia, estas mesmas formacións volverán actuar ás 20.00 horas na Praza do Concello.
En agosto, a programación continuará cun enfoque familiar e de narración oral. O 7 de agosto chegará “O Grúfalo e a Natureza” con Manuela contacontos ás 20.00 horas na Praza do Concello, e o 21 de agosto representarase “O Paxariño da Miña Xanela” con Xiada Sanlés Míguez, tamén ás 20.00 horas e no mesmo espazo.
Setembro traerá propostas para todos os gustos, desde a festa e a verbena ata a maxia e a música de versións. O 4 de setembro celebrarase “A Gran Verbena” con La Oca Band e Pepo Suevos ás 22.00 horas no campo dos Gozos, mentres que o 12 de setembro actuará o grupo Dr. Slum, cun repertorio de versións dos anos 80, 90 e 2000, ás 21.00 horas na Praza do Concello. O 18 de setembro pechará o mes o espectáculo “Trangaladas” co mago Pablo Estévez ás 18.30 horas no Auditorio dos Gozos.
Xa no outono, o 27 de outubro, coincidindo co Samaín, representarase “O Censor de Monstros” con Barafunda Animación ás 18.30 horas no Auditorio dos Gozos, cunha proposta pensada para o público familiar.
Finalmente, o calendario cultural pecharase en decembro cun dobre encontro festivo. O 23 de decembro terá lugar a visita de Papá Noel ás 16.00 horas no Auditorio dos Gozos, seguida ás 18.00 horas pola entrega de agasallos do Apalpador, da man de A Xanela do Maxín, nunha actividade tamén dirixida ao público familiar.