Piñor encara a conta atrás para a súa Festa dos Callos coas entradas na recta final

OurenseXa
Quen queira sentar á mesa o domingo 11 de outubro na Praza do Arenteiro ten ata o mércores para facerse co tícket, que non se venderá o mesmo día do evento
festa-do-ramo-xiii-festa-dos-callos-xove_img7342n2t0
5 Oct 2026

A IX Festa dos Callos de Piñor entra na súa semana decisiva. Co evento fixado para o domingo 11 de outubro na Praza do Arenteiro, as entradas seguen á venda ata o mércores 7 de outubro, unha data que convén ter presente porque a organización deixou claro que non haberá tickets á venda o día da celebración. Ademais, a entrada é imprescindible para acceder ao recinto onde terá lugar o xantar.

O prezo é de 25 euros por persoa e poden adquirirse en varios establecementos do municipio: o Concello de Piñor, o Restaurante Ateneo e a Gasolineira Ateneo (ambos no Reino), o Bar O Refugio (Cotelas), a Farmacia Marina Diéguez (Piñor) e o Café Bar O Peilán. Os menores de 10 anos poderán asistir de balde, sempre que dispoñan da entrada infantil correspondente.

Unha xornada con motos, música e mesa longa

O día comezará ás 10.00 horas coa saída dunha caravana de motos dende o Arenteiro. O percorrido, pola zona, incluirá unha parada a metade de camiño para tomar uns pinchos e rematará co regreso á Praza do Arenteiro. Mentres dure a comida, as motos participantes exporanse no aparcadoiro situado ao carón do recinto da festa.

A programación complétase con hinchables para os máis cativos e unha actuación musical. Ás 14.00 horas comezará o xantar, cun menú de empanada, lacón, callos e sobremesa. As bebidas inclúen viño, auga, refrescos, café e chupitos.

Para quen vai sobre dúas rodas

Quen queira participar na IX Ruta dos Callos deberá ter tamén a entrada do xantar e cubrir un formulario de inscrición. Este documento pode solicitarse á organización ou cumprimentarse a través dunha ligazón en liña habilitada para isto.

A celebración está organizada por Inorde e conta coa colaboración da Deputación de Ourense e do Concello de Piñor.

0.16531300544739