Pontón apoia a candidatura de Luís Seara á Alcaldía de Ourense e chama a “abrir un tempo novo” na cidade

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, presentou a Luís Seara como o alcalde capaz de transformar Ourense na “gran cidade que pode ser” e de deixar atrás a “triste páxina de caos” na que, segundo afirmou, está instalada a cidade, para mirar ao futuro con esperanza, ilusión e confianza.
Durante o acto de presentación de Seara como candidato do BNG á Alcaldía nas próximas eleccións municipais de 2027, Pontón subliñou que “Luís Seara é o alcalde que necesita Ourense para recuperar o orgullo de cidade e poñer en marcha o enorme potencial que temos aquí para xerar máis calidade de vida, máis dinamismo económico e máis capacidade para xerar expectativas de futuro”.
A líder nacionalista afirmou que o Bloque é a alternativa para abrir “un tempo novo” na cidade, destacando que conta cun candidato cun liderado sólido e con experiencia, que “leva Ourense na cabeza e no corazón” e que sabe que a cidade “necesita cambiar para avanzar”. Engadiu ademais que o proxecto do BNG se apoia na xestión municipal de éxito xa demostrada en concellos como Allariz.
“Con estes dous ingredientes, imos a por todas nas próximas eleccións municipais porque sabemos que Ourense necesita un cambio como auga de maio, que a alternativa é o BNG e que temos a convicción de que é posible transformar Ourense na gran cidade que pode ser”, remarcou.
Pontón sinalou a Seara como o alcalde capaz de demostrar que “a política non é ruído e caos”, senón unha ferramenta para mellorar a vida da cidadanía, crear espazos urbanos de máis calidade, impulsar proxectos económicos e xerar benestar, tal e como, dixo, vén demostrando desde a oposición.
“Polo tanto, desde o BNG presentámonos a por todas de cara ás municipais co obxectivo de que nesta cidade se produza un cambio político liderado por Luís Seara que deixe atrás o lío permanente, o caos e os conflitos e que abra unha nova etapa de seriedade e rigor, de proxecto de cidade, de tender a man e escoitar para construír Ourense entre todos e todas”, afondou.
A portavoz nacional afirmou que a cidade “quere deixar atrás esta etapa de caos” e que existe unha maioría social “farta do ruído” que demanda unha alternativa sólida. “Este non é momento de baixar as mans, senón de traballar con ilusión para que en maio do ano que vén se abra unha nova etapa da man do BNG”, engadiu.
Pontón insistiu en que Ourense precisa un goberno que crea na cidade, que traballe polo ben común e que active todo o seu potencial económico, social e cultural. “Sobra crispación, desgoberno e escándalo tras escándalo, e o que necesita a cidade é un rumbo certo”, indicou, asegurando que ese proxecto é o que representa Seara.
Subliñou tamén que o BNG concorre ás eleccións con un candidato “sólido, fiable e rigoroso”, capaz de abrir un tempo novo. “Imos a por todas, con ilusión e convicción de que Ourense é mellor que o seu actual goberno e que Luís Seara pode abrir un tempo novo para todos os veciños e veciñas”, concluíu.
Pola súa parte, Seara expresou o seu orgullo por encabezar unha candidatura que busca “gobernar para cambiar a dinámica nociva e perniciosa” da cidade. Defendeu que Ourense “precisa avanzar e funcionar” e non pode seguir “secuestrada nas mans de catro amigos”, engadindo que a cidade merece futuro, menos ruído e máis xestión.
O candidato do BNG sinalou que gobernar implica facer funcionar o concello, crear oportunidades, coidar os barrios e escoitar á cidadanía. “Eu estou aquí para propoñer, para construír”, afirmou, defendendo unha forma de gobernar baseada na seriedade, responsabilidade e mirada de futuro.
“Imos poñer Ourense a funcionar, imos construír o futuro que as veciñas e veciños merecen”, avanzou, defendendo políticas centradas nos barrios e na xente, a recuperación dos espazos públicos, a aposta polo potencial económico, turístico, patrimonial e cultural e a creación de oportunidades para a mocidade.
Seara apelou ás persoas “defraudadas e desafectas” pola situación da cidade a confiar nun BNG preparado para gobernar desde o primeiro momento. “Non quero ser alcalde para ocupar unha cadeira, senón para recuperar Ourense, para que avance e para que a veciñanza recupere o orgullo de pertencer á terceira cidade de Galiza”, concluíu.