Preto de 200 nenos e nenas participarán este domingo na primeira Cavernícola Race Kids de Barbadás

OurenseXa
A proba deportiva desenvolverase sobre un percorrido de 1,5 quilómetros no que os participantes terán que afrontar diferentes retos e obstáculos adaptados á súa idade
cavernicola-race-kids-barbadas
16 May 2026

O Concello de Barbadás, a través do Servizo Municipal de Deportes, celebra este domingo a primeira edición da Cavernícola Race Kids, unha carreira de obstáculos pensada para o público infantil na que participarán preto de 200 nenos e nenas maiores de 4 anos.

A proba deportiva desenvolverase sobre un percorrido de 1,5 quilómetros no que os participantes terán que afrontar diferentes retos e obstáculos adaptados á súa idade. Entre as probas previstas haberá inchables, zonas de auga e barro, porteos e suspensións.

A saída está prevista para as 11.00 horas diante do Polideportivo Municipal e realizarase de maneira escalonada por grupos de idade. A organización sinala que, por motivos de seguridade, os participantes de menor idade deberán completar a carreira acompañados por unha persoa adulta.

Todos os nenos e nenas que consigan rematar o percorrido recibirán unha braga e unha medalla de finisher como recoñecemento ao seu esforzo e capacidade de superación.

A xornada contará ademais coa animación dos speakers profesionais Rosa Bolaño e Marcos Areas, encargados de acompañar e motivar aos pequenos “cavernícolas” durante toda a actividade.

A iniciativa está patrocinada por Mapfre A Valenzá e conta coa colaboración de diferentes entidades e empresas, entre elas a Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense e Tecnotronic.

0.12662100791931