PSOE e BNG ratifican o seu apoio ás familias de persoas con discapacidade de Ourense

O PSdeG-PSOE do Concello de Ourense logrou a aprobación dunha moción para insistir en que a xestión do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) sexa pública e directa (con profesionais da Xunta de Galicia) tal e como acontece no resto de provincias galegas. A proposta foi aprobada co voto en contra do BNG e a abstención de DO.
No que atinxe ao CAPD, a portavoz do grupo municipal socialista, Natalia González Benéitez, incidiu en que o feito de que a conselleira de Política Social, Fabiola García, non recibise nunca ás familias afectadas para dar explicacións e informalas, pese a solicitar en reiteradas ocasións unha reunión coa máxima responsable da carteira, dá conta do menosprezo por parte do goberno autonómico do PP respecto aos pais, nais e futuros usuarios e usuarias destas instalacións. “Este tema conforma unha cuestión de xustiza social e unha demanda histórica para Ourense. A reivindicación non ten só unha década. Moitos proxenitores levan case 40 anos loitando, con coñecemento de causa, por un centro totalmente público
“Hai que enfrontarse a cuestións que pagan a pena, independentemente do que pense o noso partido. Ogallá rectifiquen. Saben vostedes que as familias e afectados están fartos de escoitar “calidade”, “garantías”, “vangarda”? Eles coñecen perfectamente como funcionan os centros públicos e privados. E esta instalación non vai responder ás expectativas”, exhortou a portavoz aos e ás edís do PP sinalando as cortinas de fume do executivo autonómico para non recoñecer que non cumprirán co que prometeron.
“Estase a faltar coa palabra dada aos afectados e afectadas”, lamentou a voceira logo de que todas as formacións políticas, incluido o PP, asinasen hai anos un compromiso coa plataforma ProCAPD conforme a que sería de xestión pública e directa. “Nin sequera foron quen de dar a cara no Parlamento para render explicacións hai uns días”, afeou aos e ás integrantes do grupo municipal popular despois de que se debatera o mesmo asunto na cámara galega e non intervise ningún deputado da provincia.