Quedan dous días para ver en Ribadavia os retratos a tinta e puntillismo de Roberto Muradás

OurenseXa
A Igrexa da Madalena mantén aberta ata o domingo 27 de setembro a mostra 'Retratos y mascotas', dedicada a persoas e animais
Exposición Retratos y Mascotas Ribadavia
25 Sep 2026

A Igrexa da Madalena de Ribadavia despide esta semana a exposición 'Retratos y mascotas', que dende comezos de mes reúne unha serie de retratos de persoas e animais realizados a tinta mediante a técnica do puntillismo. A mostra, obra do artista Roberto Muradás Núñez, botará o peche o vindeiro domingo 27 de setembro, polo que estes días son os últimos para achegarse a contemplala.

Muradás retomou a súa faceta artística pasados os 50 anos, tras unha etapa de formación na Escola Obradoiro Auria, onde se iniciou en disciplinas como o deseño, a maquetación, a imaxe corporativa e a escultura. Foi un cambio na súa percepción das cores o que o levou a centrar o seu traballo na tinta e a converter o puntillismo no seu principal xeito de expresión artística.

Quen queira visitar a exposición antes do seu peche pode facelo de mércores a sábado, en horario de 11.30 a 13.30 horas e de 18.30 a 20.30 horas, mentres que os domingos —incluído o día de peche— o horario redúcese á franxa de 11.30 a 13.30 horas.

0.1738588809967