Ramirás celebra este martes un obradoiro de mindfulness sobre benestar emocional e xestión do estrés

O Centro Cultural O Picouto de Ramirás será o escenario, este martes 18 de agosto ás 19.00 horas, dunha nova actividade do programa 'Luz Pozo Garza', dirixido a mulleres de todas as idades. Nesta ocasión, a sesión estará adicada ao benestar emocional e á xestión do estrés a través do mindfulness.
Esta técnica emprégase habitualmente no tratamento da ansiedade e a depresión, xa que a meditación convida a centrar a atención no pensamento ou na emoción concreta que orixina ese malestar, sen entrar a xulgalo. Ademais, o mindfulness resulta útil para o control da propia mente, ao permitir concentrarse nos estímulos que un mesmo escolle e evitar deixarse levar por derivas emocionais que poidan interferir nos pensamentos.
Entre os seus beneficios tamén se atopa a mellora da saúde física e mental, especialmente do sistema circulatorio e do sistema límbico, ambos regulados de xeito directo pola parte emocional do cerebro.
A iniciativa está impulsada polos concellos de Barbadás e Ramirás, e quen desexe máis información pode dirixirse ao seu concello ou contactar a través do WhatsApp 685211882.
Esta actividade enmárcase nas subvencións a entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a promoción da igualdade e a prevención da violencia de xénero, cofinanciadas pola Unión Europea con fondos europeos, a Xunta de Galicia e a Consellería de Política Social e Igualdade, co obxectivo de previr a violencia de xénero e mellorar a situación das vítimas e das mulleres en situación de vulnerabilidade.