Celanova acolle a 22ª edición do CeMAC baixo o título “Audiovisual galego. Diversidade creativa”

Celanova será un verán máis sede do Curso de Medios Audiovisuais de Celanova (CeMAC), que celebra a súa 22ª edición baixo o título “Audiovisual galego. Diversidade creativa”.
A iniciativa, promovida pola Fundación Carlos Casares, a Vicerreitoría do Campus de Ourense, o Concello de Celanova e a Deputación Provincial de Ourense, conta co financiamento da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC).
O curso desenvolverase entre os días 6 e 10 de xullo no Auditorio Municipal Ilduara e, como en edicións anteriores, combinará formación e actividades culturais para enriquecer a experiencia do alumnado.
O programa inclúe obradoiros, coloquios, concertos, presentacións e proxeccións de cinema galego, ademais de novas iniciativas como exposicións e talleres. Nesta edición analizaranse tamén distintos formatos audiovisuais, así como o proceso de consolidación do ecosistema audiovisual, o seu equilibrio industrial e creativo e os avances cara á normalización do sector no país, independentemente de soportes e formatos.
O encontro contará coa participación de profesionais vinculados a diferentes áreas creativas como dirección, guión, produción, fotografía e música, así como a outros ámbitos das industrias culturais, co obxectivo de analizar a situación actual do sector e as novas posibilidades de desenvolvemento transversal.
Entre os títulos previstos na programación figuran “La Silla”, de Ángel de la Cruz, “Así chegou a noite”, de Ángel Santos, e “Leo & Lou”, de Carlos Solano, dentro dunha selección centrada na produción audiovisual galega contemporánea.
A matrícula para participar no curso permanece aberta ata o 30 de xuño a través da páxina oficial de Cursos da Universidade de Vigo, e a organización anima a participar nesta proposta formativa.