Rematados os traballos de remodelación da rúa Alejandro Pedrosa, no barrio do Vinteún

A rúa Alejandro Pedrosa, no barrio do Vinteún, vén de estrear unha profunda remodelación urbana que modificou por completo a configuración da vía, cunha actuación centrada na mellora da accesibilidade, a seguridade viaria e a creación de novos espazos para a veciñanza.
O proxecto, que foi inaugurado este mércores polo alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, contou cun investimento de 3,4 millóns de euros. A obra foi financiada nun 80% polo Concello de Ourense e no 20% restante con fondos europeos Next Generation, a través do Goberno de España.
A intervención supuxo a transformación integral dunha rúa que presentaba importantes problemas de mobilidade, especialmente para peóns, persoas con mobilidade reducida ou familias con carriños de bebé. As antigas beirarrúas estreitas foron substituídas por espazos máis amplos e accesibles, incorporándose ademais zonas de estancia e unha nova praza pública no cruzamento coa rúa Río Sil.
Un dos elementos destacados da actuación foi a creación dunha plataforma única nun dos treitos da rúa, así como a construción dunha nova glorieta na intersección con Río Limia e a estrada OU-0526, co obxectivo de mellorar a circulación e reducir a velocidade dos vehículos nunha zona en pendente.
A obra incluíu tamén a renovación completa das redes de saneamento e abastecemento, ademais da instalación de novas infraestruturas de rega, electricidade, telecomunicacións e iluminación pública.
No apartado ambiental, o proxecto apostou pola humanización da contorna mediante xardinería urbana e a plantación de arredor de 60 árbores, buscando facer da rúa un espazo máis amable e pensado para o uso cidadán.
Durante a inauguración, o alcalde cualificou a actuación como “unha reforma de luxo” e asegurou que “a alta calidade non só debe estar no centro, senón en toda a cidade”. Pola súa banda, o concelleiro de Obras Públicas, Francisco Lorenzo, definiu a intervención como “unha gran humanización”, pensada para “gañar espazos para os peóns” e converter a rúa nun lugar “para gozar e non un espazo escuro e duro, como era antes”.