Restricións de tráfico na Avenida da Habana a partir do vindeiro luns por obras de reparación e mellora do pavimento

A Policía Local do Concello de Ourense informou de que a execución de distintas actuacións de reparación e mellora do pavimento na Avenida da Habana provocará restricións e cortes puntuais no tráfico rodado entre o luns 29 de xuño e o luns 6 de xullo.
Co obxectivo de garantir a seguridade viaria e reducir o impacto sobre a circulación, o corpo policial solicita aos condutores que transiten pola zona que extremen as precaucións, adapten a velocidade ás condicións da vía e presten especial atención á sinalización provisional instalada nas obras.
Así mesmo, lembra que é de obrigado cumprimento acatar de forma estrita as indicacións tanto do persoal habilitado pola empresa encargada dos traballos como dos axentes da autoridade.
A Policía Local recomenda tamén á cidadanía que, na medida do posible, evite circular en vehículo por este vial, planifique os desprazamentos con antelación e empregue vías alternativas periféricas para minimizar posibles retencións.
Finalmente, agradece a colaboración cidadá ante as molestias que poidan derivarse da execución destes traballos de mantemento urbano.