Retirado en Pontedeva o valado que pechaba un camiño público en Trado tras a denuncia do PSOE ante a Fiscalía

OurenseXa
O peche impedía o acceso a unha fonte de uso público; a Fiscalía Provincial de Ourense investiga posibles irregularidades na xestión municipal de terreos e camiños
Camiño_Trado_Pontedeva
4 Sep 2026

O camiño público situado no lugar de Trado, en Pontedeva, volveu quedar aberto ao paso despois de que se retirasen os elementos que bloqueaban o seu acceso. Os traballos comezaron logo de que o PSdeG-PSOE local puxese os feitos en coñecemento da Fiscalía Provincial de Ourense, denuncia na que se recollían diversas cuestións relacionadas coa xestión municipal de terreos e camiños do concello.

O peche deste camiño, situado tras un valado colocado por un particular, impedía ata agora o acceso a unha fonte de uso público. Segundo indican fontes socialistas, tras unha xuntanza mantida esta semana entre o alcalde e o propietario do terreo, o Concello impulsou a retirada dos postes e do enreixado, traballos que se están a executar estes días con varios operarios.

Desde a formación socialista destacan que, sen a denuncia presentada ante o Ministerio Fiscal, é probable que o camiño seguise pechado na actualidade. O voceiro do partido en Pontedeva, Antonio Vázquez Ferreira, subliña que o obxectivo da agrupación non era xerar confrontación política, senón exercer a súa función fiscalizadora desde a oposición e trasladar ante os organismos competentes unha situación que consideraban merecente de aclaración.

A denuncia orixinal, presentada o pasado 23 de xullo, ía máis alá do caso de Trado e incluía tamén cuestións vinculadas á compra de solo industrial e a outras actuacións do goberno local, sobre as que o PSOE reclamaba maior transparencia e igualdade de trato na xestión dos bens municipais.

Os socialistas valoran positivamente a retirada do valado como un primeiro paso, pero avisan de que seguirán vixiando que o acceso ao camiño e á fonte se manteña de forma permanente. O partido asegura que continuará a trasladar ante os organismos competentes calquera situación que, ao seu criterio, poida afectar á legalidade ou aos intereses xerais da veciñanza.

0.15084981918335