Retómanse os traballos na Avenida de Portugal

A empresa ourensá Misturas será a encargada de retomar e completar parte das obras da Avenida de Portugal, segundo informou este venres o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome.
Segundo explicou o rexedor, ao longo da xornada de hoxe a firma, vinculada á tamén ourensá Extraco, realizará un levantamento topográfico para analizar o estado actual dos traballos. Ademais, o equipo técnico levará a cabo un inventario de materiais, recolocará os medios auxiliares e supervisará os valados e as pasarelas, co obxectivo de levantar a acta de inicio que permita retomar a actividade con normalidade a partir da vindeira semana.
O alcalde indicou que se trata dunha intervención por emerxencia destinada a garantir que a vía quede completamente operativa desde o punto de vista da seguridade. Pérez Jácome asegurou ademais que a nova adxudicataria traballará a un “ritmo superior” ao da empresa anterior para axilizar o avance das obras.
O Concello de Ourense aprobou a pasada semana acordar a tramitación pola vía de emerxencia da realización dos traballos, tras o abandono unilateral por parte da empresa adxudicataria, Opain, da execución dos proxectos de humanización.