Retrasadas máis dun ano as obras de ADIF na subestación eléctrica de tracción das Portas
O PP denuncia retrasos de máis dun ano nas obras de ADIF da subestación eléctrica de tracción das Portas e da liña eléctrica de alta tensión desde a subestación eléctrica de Conso.
O 10 de setembro de 2024, os deputados ourensáns do GPP Celso Delgado, Ana Vázquez e Rosa Quintana, rexistraron no Congreso unha pregunta dirixida ao Goberno sobre a data estimada en que rematarían esas operacións. A resposta por escrito do Goberno foi, segundo explican os populares, que as obras se atopaban en execución “habéndose certificado ata a data o 70% do importe adxudicado do contrato. A previsión actual para a finalización das obras estímase no primeiro semestre de 2024, sen prexuízo das posibles incidencias non previstas que afecten este prazo”.
Con todo, desde o PP denuncian que “o primeiro semestre de 2024 xa rematou e non nos consta que estas obras, que son absolutamente estratéxicas para que a LAV a Galicia funcione a pleno rendemento e permita aumentar a circulación simultánea de máis trens, estean rematadas”.
Estas obras afectan á Subestación de As Portas, fronte á estación de Vilariño de Conso (Ourense), e ao tendido dunha liña de alta tensión desde a subestación de Rede Eléctrica Española en Conso, cunha lonxitude de 12,7 km. O importe de adxudicación foi de 8.362.365,82 euros e o prazo de execución de 18 meses.
Agora, o PP pregunta de novo, tras constatar que os traballos aínda non remataron, en que data do segundo semestre prevé ADIF-AV que finalizarán as obras. Ao que explican, o Goberno respondeu que “Adif segue a traballar na execución dos traballos correspondentes ás Obras do proxecto construtivo da subestación eléctrica de tracción das Portas e da liña eléctrica de alta tensión desde a subestación eléctrica de Conso de Ree ata a subestación eléctrica de tracción das Portas de Adif-Alta Velocidade. Estas obras retrasáronse por incidencias provocadas por causas meteorolóxicas, estando na actualidade en fase final de execución”.
Por iso, denuncian que Adif non deu resposta ás preguntas formuladas, xa que non facilita información sobre a suma certificada ata o momento do importe adxudicado do contrato, o que, para eles, “acredita falta de transparencia”. “Tampouco quixeron dar unha data de finalización das obras tal como se lles solicitaba. Limitáronse a dicir que están na fase final de execución, sen ningunha concreción”, continúan.
“Debemos ter en conta que o prazo desta obra era de 18 meses e que venceu o 3 de xullo de 2023, o que implica que as obras levan entre doce e quince meses de retraso (segundo contemos desde a data de formalización do contrato ou desde a acta de replanteo)”, explican desde o PP, que lembran a relevancia que ten a posta en servizo desta subestación eléctrica de tracción de As Portas (Vilariño de Conso) pois é absolutamente estratéxica para que a LAV a Galicia funcione a pleno rendemento e permita aumentar a circulación simultánea de máis trens.
Nestes momentos, a LAV aliméntase de enerxía cunha solución provisional desde as subestacións de Arbillera (Palacios de Sanabria) e de Amoeiro, pero iso implica limitacións na circulación.