Ribadavia acolle desde mañá a exposición de rúa 'Comedy Wildlife', con fotografías de natureza en clave de humor

O Concello de Ribadavia, ABANCA e Afundación presentan a exposición de rúa 'Comedy Wildlife', enmarcada no proxecto 'Corrente cultural'. A mostra reúne unha selección de fotografías de natureza captadas desde unha perspectiva humorística, escollidas entre os premios Comedy Wildlife Photo correspondentes ao período 2015-2024.
O acto de inauguración terá lugar mañá, mércores 19 de agosto, ás 12.00 horas, no Parque dos Xardinillos. Está prevista a asistencia de César Manuel Fernández Gil, alcalde de Ribadavia; Mateo Alonso Sanromán, coordinador institucional de ABANCA en Ourense; e Beatriz Fernández-Anguiano, coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo.
Antes da súa chegada ao formato de rúa, 'Comedy Wildlife' encheu nos últimos dous anos museos e centros expositivos dos Países Baixos, Inglaterra, Portugal e Canadá, ademais de pasar con notable éxito polos centros de Afundación en Galicia. A exposición está composta por 16 fotografías recoñecidas como as mellores instantáneas de animais en clave divertida dentro dos premios The Comedy Wildlife Photography Awards. Trátase dunha proposta pensada para todos os públicos, que recorre ao humor e á sorpresa como recurso para captar o interese dos visitantes, e que permanecerá aberta ata o 13 de setembro.
Esta colaboración forma parte de 'Corrente cultural', iniciativa que entende a arte como unha ferramenta clave para impulsar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. A través deste proxecto, Afundación — a Obra Social de ABANCA — estende a presenza da cultura por Galicia, levando a súa oferta artística máis alá das súas sedes habituais ata distintas localidades galegas.