Ribadavia recibe unha axuda da Xunta para reforzar a promoción do galego a través do seu servizo lingüístico

OurenseXa
O municipio figura entre os oito concellos ourensáns beneficiarios desta convocatoria, que busca impulsar a normalización lingüística desde a administración local
manuel-pardo-cesar-fernandez
6 Aug 2026

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou este xoves o Concello de Ribadavia acompañado polo alcalde, César Fernández, para informar da concesión dunha subvención destinada á promoción da lingua galega no ámbito local.

Ribadavia é un dos oito municipios da provincia beneficiarios desta liña de axudas impulsada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para fomentar a creación, posta en marcha e reforzo dos servizos lingüísticos nas entidades locais e nas agrupacións de concellos. No caso da capital do Ribeiro, a contía concedida ascende a 2.240 euros.

Durante a visita, Manuel Pardo destacou que esta convocatoria responde ao compromiso da Xunta coa normalización lingüística nos concellos, en consonancia coas medidas recollidas no Pacto pola Lingua e na actualización do Plan de normalización da lingua galega. O delegado subliñou tamén o papel das administracións locais como unha ferramenta clave para impulsar o uso do galego pola súa proximidade á cidadanía.

Na provincia de Ourense, ademais de Ribadavia, recibirán estas axudas os concellos do Carballiño, O Barco de Valdeorras, Ourense, Barbadás e Celanova, así como a agrupación formada por Castrelo de Miño e Boborás.

Segundo explicou o delegado territorial, os fondos permitirán crear ou consolidar servizos lingüísticos municipais, dotando ás entidades locais dun departamento técnico encargado de planificar, coordinar, desenvolver e avaliar actuacións orientadas a incrementar o uso do galego tanto no funcionamento interno da administración como na súa relación coa veciñanza.

No caso dos concellos que xa dispoñen deste servizo, as achegas poderán destinarse ao reforzo das actividades existentes e á incorporación de máis persoal técnico para mellorar a atención e ampliar as iniciativas de promoción da lingua.

Entre as actuacións que poderán desenvolverse ao abeiro destas subvencións figuran campañas e proxectos de dinamización lingüística en diferentes formatos, desde publicacións, audiolibros, xogos ou representacións artísticas ata iniciativas en soportes dixitais, páxinas web e redes sociais. As axudas tamén contemplan accións de formación en lingua galega dirixidas ao persoal das administracións locais mediante a organización de cursos específicos.

0.13303804397583