Rivo presenta ao Goberno de Aragón o Polo de emprendemento de Baños de Molgas

OurenseXa
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade en funcións, Elena Rivo, visitou o Polo de emprendemento de Baños de Molgas coa vicepresidenta segunda e consejera de Economía, Empleo e Industria aragonesa, Mar Vaquero
rivo_polo_eprendemento
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, acompañada da vicepresidenta segunda e consejera de Economía, Empleo e Industria do Goberno de Aragón, Mar Vaquero
1 Abr 2024

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade en funcións, Elena Rivo, visitou esta tarde acompañada da vicepresidenta segunda e consejera de Economía, Empleo e Industria do Goberno de Aragón, Mar Vaquero, o Polo de emprendemento e apoio ao emprego de Baños de Molgas, o último en inaugurarse da Rede posta en marcha pola Xunta en xullo de 2022. Alí, destacou ante a representante aragonesa que Galicia conta xa con 13 destes centros activos, co obxecto de xerar riqueza e de fixar poboación especialmente no noso rural.

A previsión é acadar os 15 Polos en toda Galicia, aos que poden acudir as persoas emprendedoras en calquera fase en que se atopen os seus proxectos, co gallo de recibir asesoramento de principio fin. Desde a apertura do primeiro centro, os Polos de emprendemento levan atendido en toda a Comunidade arredor de 1.500 iniciativas empresariais, o 60% delas impulsadas por mulleres. Por sectores, predominan os servizos, seguidos da hostalaría e de actividades de comercio.

A maiores, desde o comezo da Rede, téñense realizado máis de 4.000 titorías e preto de 400 reunións con entidades do territorio, así como case un cento de accións de formación e máis de cen eventos. Mirando á provincia de Ourense, onde ademais de en Baños de Molgas hai Polos en Verín, O Barco de Valdeorras e O Carballiño, lévanse atendido máis de 300 proxectos, un 59% deles impulsados por mulleres. Tamén destacan os servizos, a hostalaría e o comercio, por esta orde.

Na visita coa vicepresidenta segunda do Goberno de Aragón tamén se puxo en valor que se vén de impulsar un Plan de remuda no marco da Rede de polos, para garantir a continuidade de negocios. Así, a través dunha web e co acompañamento continuado do persoal técnico destes centros, xa se teñen interesado case un cento de iniciativas, para mediante a venda ou o aluguer dar paso a novas persoas interesadas en facerse cargo das empresas e asegurar o mantemento do tecido produtivo galego.

Nos próximos meses acompañarase este Plan dunha orde de axudas para impulsar os procesos de remuda xeracional, dirixida a financiar parte dos gastos aboados en concepto de traspaso polas persoas que collan os negocios.

Esta orde forma parte do orzamento deste ano da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para darlle un pulo ao emprendemento, que se incrementa nun 51,6% con respecto ao 2023, ata acadar os 30,6 millóns de euros en total. Máis aló dos investimentos, implementarase tamén a Estratexia galega de emprendemento, cun impulso coordinado con todos os axentes implicados.

Cómpre engadir que o encontro no Polo de Baños de Molgas tamén serviu para dar a coñecer á representante aragonesa a ferramenta tecnolóxica EMi que permite nas oficinas de emprego de Galicia casar oferta e demanda en tempo real grazas á intelixencia artificial e á analítica avanzada, co gallo de seguir avanzando nun mercado laboral de calidade.

0.18472290039062