Sae adiante unha moción socialista para a creación de aparcamentos disuasorios na cidade de Ourense

OurenseXa
Os socialistas consideran que Ourense conta "dende fai décadas" cun déficit importante en canto a prazas de aparcamento
A voceira socialista, Natalia González, durante o Pleno Ordinario do Concello de Ourense do mes de outubro
Pleno do Concello de Ourense
10 Jan 2025

O grupo municipal do PSdeG de Ourense, cos votos a favor do BNG e do PP e a abstención de Democracia Ourense, sacaron adiante no Pleno extraordinario do Concello de Ourense celebrado este venres, unha moción para a creación de aparcamentos disuasorios na cidade.

Os socialistas defenden que “a cidade conta dende fai décadas cun déficit importante en canto a prazas de aparcamento. Especialmente na zona centro, pero tamén nos distintos barrios e dun modo significativo nos últimos tempos no de A Ponte dende a chegada da Alta Velocidade. O desenvolvemento de novas infraestruturas deu lugar tamén a novas necesidades para a veciñanza”.

Lembran, nesta liña, as e os edís do PSdeG que a pesares da aprobación dun Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS), un lustro atrás, que contiña propostas específicas para a creación de aparcadoiros disuasorios nas entradas da cidade, así como fomentar o uso do transporte público, “nada se fixo a día de hoxe por parte do actual executivo local”. Entenden, ademais, que o anuncio reiterado do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, de suprimir o servizo da ORA debería levar parello medidas neste eido para mellorar o tránsito de vehículos e persoas.

“Os obxectivos de dito plan, ademais de apostar pola mobilidade sostible, eran reducir o uso dos vehículos privados, potenciar o transporte público e os desprazamentos a pé, nunha cidade moi propicia para isto ao non existir grandes distancias”, sinalan os socialistas.

“Os aparcadoiros disuasorios foron e seguen sendo unha opción empregada con éxito en moitas cidades do noso país nun compromiso con esa mobilidade sostible e representan unha oportunidade para os concellos á hora de reducir o fluxo de vehículos e, en consecuencia, a contaminación nas zonas centro”, argumentan.

Unha opinión non compartida polo alcalde de Ourense Gonzalo Pérez Jácome, que considera que non son necesarios e defende que os parkings de pago presentes no centro da cidade son suficientes e que para que os aparcamentos disuasorios na contorna da cidade poidan funcionar sería necesario primeiro contar cun mellor servizo do transporte público.

0.17174506187439