Saiu adiante unha moción socialista para poñer en valor a figura de Arturo Baltar
O grupo municipal socialista do Concello de Ourense conseguiu aprobar, cos votos a favor de PP, BNG e a abstención de DO, para poñer en valor a figura do escultor ourensán Arturo Baltar, logo de que o pasado ano se cumprise o centenario do seu nacemento, e revitalizar o espazo expositivo do seu belén.
“No recente 2024, xusto cando se cumpría o centenario do nacemento dun dos grandes artistas da nosa cidade que nos deixou un legado único coa súa obra, e que conta con esculturas e ilustracións en espazos museísticos de Galicia e España; as administracións públicas, e concretamente o Concello de Ourense, esquecéronse del obviando conmemorar a súa traxectoria e contribución”, lamentou a voceira.
Lembraron os socialistas que “a visita ao seu belén converteuse nun dos actos centrais da inauguración do Nadal durante moito tempo, pero nos últimos anos padece un declive importante pola falta de implicación do actual goberno local, e tamén de outras administracións, ante a ausencia de compromiso na aposta polo noso patrimonio e identidade cultural e como reclamo turístico”.
Neste senso, as e os socialistas reclaman no texto rexistrado que se mellore a sinalética, se adapten e axusten os horarios segundo as épocas do ano, se incremente a información turística, e se acometan as obras precisas para a mellora e acondicionamento do belén.