San Amaro ultima os detalles do V Festival Celta, que este sábado tomará o Castro de San Cibrao de Las

Quedan xa moi poucas horas para que o Castro de San Cibrao de Las volva converterse, un ano máis, no escenario do Festival Celta de San Amaro. O Concello ultima os preparativos desta quinta edición, que se celebrará este sábado, 5 de setembro, e que promete revivir durante toda unha xornada o ambiente da vida castrexa a través de recreacións históricas, obradoiros participativos e propostas musicais e gastronómicas.
O programa, pensado para todos os públicos, desenvolverase de xeito ininterrompido dende o mediodía ata ben entrada a noite. Entre as actividades previstas figuran obradoiros de oficios tradicionais, representacións de loita castrexa e propostas dirixidas ao público infantil, xunto a actuacións musicais como a da artista Uxía Pedreira e os concertos nocturnos de Acordeireta e Os Melidaos.
Un dos momentos máis agardados chegará coa posta de sol, cando a croa do castro acolla unha oración celta e un canto primal, no que se perfila como un dos intres máis simbólicos da xornada. A compañía Dar Trela Teatro será a encargada de ambientar e dinamizar o recinto ao longo de toda a xornada.
Con esta nova cita, o festival reforza o seu papel como unha das citas culturais máis sinaladas do calendario de San Amaro, achegando a veciños e visitantes o legado dos antigos poboadores do castro nun ambiente festivo.