San Cibrao das Viñas convoca axudas para deportistas cualificados

As solicitudes poderán presentarse ata o 9 de setembro para apoiar a deportistas individuais con resultados destacados
DEPORTES
28 Jun 2026

O Concello de San Cibrao das Viñas abriu o prazo de solicitude das axudas destinadas a deportistas cualificados, unha iniciativa orientada a recoñecer o esforzo, a dedicación e os méritos acadados polos deportistas do municipio.

A convocatoria está dirixida a persoas que compitan de forma individual e conten cunha licenza federativa en vigor. O prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto ata o 9 de setembro.

As persoas interesadas poderán tramitar a súa petición de forma presencial a través do Rexistro Xeral do Concello ou por vía telemática mediante a Sede Electrónica municipal.

Entre os requisitos establecidos figura estar empadroado en San Cibrao das Viñas durante, polo menos, un ano consecutivo, dispoñer de licenza federativa en vigor e acreditar a obtención dun resultado deportivo destacado durante a tempada 2024/2025.

Desde o Concello sinalan que a convocatoria forma parte das medidas de apoio ao deporte local e ao recoñecemento do traballo realizado polos deportistas do municipio.

0.1240508556366