San Cibrao das Viñas estuda crear refuxios climáticos para reducir os efectos das “illas de calor”

Xunta e Concello analizan actuacións en espazos urbanos co obxectivo de mitigar os efectos das altas temperaturas
marta-novoa-angeles-vazquez
30 Apr 2026

A Xunta de Galicia e o Concello de San Cibrao das Viñas estudan a creación de refuxios climáticos no municipio co obxectivo de mitigar os efectos das altas temperaturas en zonas urbanas e periurbanas.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, mantivo unha reunión coa alcaldesa, Marta Nóvoa, na que se abordaron distintas propostas municipais para adaptar espazos públicos ao cambio climático.

Entre as actuacións expostas polo Concello destacan intervencións para reducir o efecto de “illas de calor” na zona do Piñeiral e no parque infantil da contorna, así como a posible adaptación da área dos Pinos como espazo climático protexido, aproveitando a súa vexetación e condicións ambientais.

Durante o encontro, no que tamén participou a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, a conselleira lembrou a existencia de liñas de axuda autonómicas destinadas a financiar este tipo de proxectos baseados na natureza.

Ángeles Vázquez animou á rexedora a solicitar estas subvencións, que permiten sufragar ata o 80% dos custos das actuacións, cun máximo de 60.000 euros por proxecto e ata tres iniciativas por concello. No caso de presentar os tres proxectos previstos, San Cibrao das Viñas podería acadar ata 180.000 euros de financiamento.

Estas axudas están orientadas á creación de refuxios climáticos, definidos como espazos con condicións ambientais máis favorables e estabilidade térmica, pensados para ofrecer protección fronte ás altas temperaturas e mellorar a adaptación dos municipios ao cambio climático.

0.12085294723511