San Cibrao das Viñas flexibiliza os requisitos do Cheque Bebé e permite volver solicitar as axudas denegadas este ano

O pleno do Concello de San Cibrao das Viñas aprobou este mes a modificación da ordenanza reguladora do Cheque Bebé co obxectivo de facilitar o acceso a esta axuda municipal ás familias do municipio.
Coa nova normativa, a prestación mantense en 250 euros por cada nacemento ou adopción, pero redúcense os requisitos de acceso, xa que será suficiente con que un dos proxenitores estea empadroado no Concello para poder solicitala.
O goberno local destaca ademais que esta axuda é plenamente compatible coas prestacións concedidas pola Xunta de Galicia, o Estado e a Deputación.
A modificación da ordenanza permitirá tamén que as persoas que presentaron a solicitude ao longo deste ano e lles foi denegada por non cumprir os requisitos anteriores poidan volver tramitala conforme ás novas condicións aprobadas.
Desde o Concello sinalan que esta medida busca continuar apoiando ás familias que deciden establecer o seu fogar en San Cibrao das Viñas e favorecer o crecemento da poboación no municipio.