Seis concellos de Ourense reciben fondos para mellorar as súas infraestructuras deportivas

RibeiraSacraXa | OurenseXa
A provincia contará con seis actuacións estratéxicas, a maioría orientadas á mellora de instalacións deportivas municipais
Campo de fútbol Toén
29 Sep 2026

Seis concellos da provincia de Ourense resultaron beneficiarios na última convocatoria do Fondo de Cooperación Local (FCL), unha liña de axudas da Xunta de Galicia orientada a financiar proxectos municipais de carácter estratéxico. Das seis propostas seleccionadas na provincia, a maioría están vinculadas á mellora de infraestruturas deportivas, en liña co que ocorre no conxunto de Galicia, onde seis de cada dez proxectos aprobados responden a este tipo de actuacións.

O Carballiño recibirá unha achega próxima aos 245.000 euros destinada á mellora e ampliación das instalacións da Uceira. O Pereiro de Aguiar, pola súa banda, empregará os fondos concedidos —algo máis de 307.000 euros— na rehabilitación do seu pavillón deportivo municipal.

Boborás é outro dos concellos beneficiados, cunha achega de 500.000 euros para acometer a rehabilitación integral e modernización do seu pavillón municipal. A Bola, pola súa parte, recibirá 200.000 euros para a construción dun novo campo de fútbol municipal de herba artificial, ademais doutras melloras adicionais de impacto supramunicipal.

O quinto Concello con proxecto deportivo é Toén, que xa resultara beneficiario na convocatoria anterior deste mesmo fondo, cunha achega de 700.000 euros, preto da metade do orzamento total da obra. Grazas a esa axuda, o municipio conta dende hai pouco cun novo campo de fútbol municipal de herba artificial, homologado para a disputa de competicións oficiais. As instalacións inauguráronse cun encontro deportivo entre os tres equipos de fútbol federados do municipio —o Toén F.S., o Club Deportivo Moreiras e o Atlético Trelle— e a Asociación cultural e deportiva Veteranos de Toén. A obra incluíu traballos de drenaxe, rego e alumeado, ademais da construción de vestiarios, gradas e outros equipamentos.

O sexto proxecto aprobado na provincia corresponde a Xinzo de Limia, aínda que neste caso destinado a actuacións no complexo deportivo A Moreira, cunha achega superior aos 250.700 euros; mentres que Laza centrou a súa proposta na creación dunha base para o Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES), con máis de 249.400 euros.

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou recentemente as novas instalacións de Toén acompañado do delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo. Durante a visita, destacou que este tipo de infraestruturas permite aos equipos locais adestrar e competir en condicións axeitadas, ao tempo que contribúe a fomentar a práctica deportiva entre o resto da poboación e a impulsar o deporte base a través de clubs e escolas deportivas municipais.

O orzamento desta liña de axudas, posta en marcha hai dous anos cunha dotación de 8 millóns de euros tanto en 2024 como en 2025, incrementouse este exercicio ata os 10 millóns de euros. Isto permitiu aprobar un total de 26 propostas en toda Galicia: dez na provincia da Coruña, seis en Ourense, cinco en Lugo e cinco en Pontevedra.

Segundo fontes da Xunta, estas axudas están orientadas a impulsar iniciativas que transcendan o ámbito estritamente municipal e que favorezan tanto o desenvolvemento económico dos concellos como a mellora de servizos de carácter supramunicipal ou comarcal. Só o ano pasado, o conxunto de liñas de apoio a infraestruturas municipais permitiu mobilizar un investimento de 37,5 millóns de euros en preto dun milleiro de proxectos repartidos por practicamente todos os concellos galegos. No caso concreto de Toén, o investimento acumulado da Xunta supera xa os 1,2 millóns de euros.

0.16954183578491