Seixalbo súmase ás parroquias priorizadas en materia de prevención de incendios no concello de Ourense, que suma sete

O Concello de Ourense contará este ano con sete parroquias priorizadas para a xestión da biomasa vexetal co obxectivo de previr incendios forestais. Nestes espazos, a Administración autonómica poderá realizar a prestación do servizo de xestión da biomasa en terreos de titularidade privada incluídos nas faixas secundarias.
Nesta campaña se manteñen as mesmas parroquias priorizadas de 2025 —Ourense, Arrabaldo, Cudeiro, Palmés, Velle e Vilar de Astrés— ás que se engade como novidade a parroquia de Seixalbo.
As persoas veciñas destas parroquias teñen a opción de adherirse de forma voluntaria ao convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a Consellería do Medio Rural, o Concello e Seaga. Este servizo permite formalizar contratos cunha tarifa fixa regulada de 420 euros por hectárea ao ano, o que supón un custo de 42 euros para unha leira tipo de 1.000 metros cadrados.
Segundo a información municipal, con esta resolución dáse continuidade ás tarefas de prevención. Neste sentido, o Concello lembra que xa publicara un bando o 22 de abril no que se informaba da obriga legal dos propietarios de xestionar a biomasa vexetal antes do 31 de maio.
Unha vez superado ese prazo para o cumprimento voluntario, o Concello advirte de que poderá executar de forma subsidiaria os traballos de limpeza, repercutindo os custos aos propietarios mediante liquidacións provisionais, co comiso das especies prohibidas retiradas e coa apertura dos correspondentes procedementos sancionadores conforme á Lei 3/2007.