Taboadela sortea as parcelas do novo xardín parroquial xunto á Reitoral

O Concello de Taboadela deu un novo paso na creación dun espazo verde compartido para os seus veciños. O pasado venres, día 9, ás 10.00 horas, celebrouse nas dependencias municipais o sorteo público mediante o cal se repartiron entre as seis parroquias do municipio as parcelas do terreo situado xunto á Reitoral.
Este espazo, que se está acondicionando nos últimos días, contará cunha ampla zona central de pradería arredor da cal se distribúen seis parcelas diferenciadas, cada unha asignada a unha das parroquias de Taboadela. O resultado do sorteo estableceu a seguinte orde de adxudicación: Santiago de Soutomaior, San Miguel de Taboadela, San Xurxo de Touza, Santiago de Rabeda, Santa María de Torán e Santa María de Mesón de Calvos.
Coas parcelas xa repartidas, ábrese agora unha nova etapa do proxecto. Cada parroquia, a través dos seus representantes veciñais, poderá implicarse directamente no deseño e na posterior execución do xardín que lle corresponde, contando en todo momento co respaldo e a colaboración do Concello.
A iniciativa busca, segundo trasladou o propio Concello, non só xerar un espazo común de uso compartido, senón tamén poñer en valor a identidade propia de cada unha das parroquias e fomentar a participación activa dos veciños na transformación da súa contorna. Deste xeito, o que ata agora era un terreo anexo á Reitoral converterase progresivamente nun xardín colectivo, construído parroquia a parroquia, que reflectirá a singularidade de cada unha delas dentro dun proxecto común para todo o municipio.