'Tempo de Troula' acollerá mañá psicomotricidade e ciencia divertida dentro do programa de tardes de lecer infantil

O proxecto de lecer educativo Tempo de Troula 2026, posto en marcha esta mesma semana pola Asociación Xuvenil Amencer para as tardes de setembro en Ourense, avanza este xoves 10 cunha nova xornada de actividades nas instalacións do colexio salesiano María Auxiliadora.
Como no resto de sesións previstas ata finais de mes, o horario mantense de 15.00 a 17.30 horas, e as propostas organízanse segundo os distintos tramos de idade aos que se dirixe a iniciativa.
Así, os máis cativos do grupo, con idades comprendidas entre os 3 e os 5 anos e correspondentes á etapa de Educación Infantil, participarán nunha sesión de psicomotricidade. Pola súa banda, os nenos e nenas de entre 6 e 12 anos, que cursan Educación Primaria, terán unha xornada dedicada á ciencia divertida.
Esta programación enmárcase dentro do proxecto que arrincou o pasado mércores e que se prolongará ata o 30 de setembro, dirixido á conciliación familiar nas semanas de inicio de curso nas que algúns centros escolares aínda non retoman a actividade lectiva polas tardes.