Toén acollerá unha xornada cultural con ruta de sendeirismo, obradoiro de cestería e concerto na Carballeira de Puga

OurenseXa
A Carballeira de Puga será escenario o vindeiro 13 de setembro dunha xornada que combinará unha andaina xunto ao Miño, un obradoiro de cestería tradicional, música en directo e unha mostra fotográfica
andaina_cultural_toen
28 Aug 2026

A localidade de Toén acollerá, o vindeiro 13 de setembro, unha xornada cultural enmarcada no Festival PeDRa, que terá como escenario a Carballeira de Puga.

A actividade comezará pola mañá, ás 10.00 horas, cunha pequena andaina entre as localidades de Puga e Alongos, transcorrendo pola beira do río Miño. Ao longo do percorrido visitaranse os antigos portos fluviais da zona. Para o regreso a Puga dende o campo de Alongos habilitarase un servizo gratuito de autobús.

Ás 12.00 horas está previsto un obradoiro gratuito de cestería tradicional a cargo de Será por Vimbios, e media hora despois, ás 12.30 horas, actuará o grupo de versións Columna Vegana.

A xornada completarase cunha mostra de fotografías antigas da Ribeira do Miño e unha exhibición de barcas tradicionais de río, a cargo de Anxo Moure, que se poderán ver durante toda a mañá.

A iniciativa está organizada por Ruralisto e a asociación Amigos do Patrimonio de Toén, e conta coa colaboración do Concello de Toén. Quen desexe máis información ou inscribirse pode facelo a través do teléfono 621 396 855 ou do correo electrónico patrimoniotoen@gmail.com.

0.15981817245483