Toén ultima un novo campo de fútbol municipal para reforzar as instalacións deportivas do concello

O Concello de Toén anunciou a próxima posta en funcionamento dun novo campo de fútbol municipal que permitirá ampliar e modernizar as infraestruturas deportivas do municipio. O recinto recibirá de maneira provisional o nome de As Pombeiras, unha denominación que fai referencia ao topónimo tradicional da zona na que está situado e que queda pendente da súa aprobación definitiva.
A nova instalación nace co obxectivo de ofrecer un espazo destinado á práctica deportiva, á convivencia e ao impulso do fútbol base e afeccionado no concello.
Unha vez entre en servizo, o campo poderá ser utilizado polos principais equipos locais: C.D. Moreiras, Atlético Trelle, Toén F.S. e A.C.D. Veteranos Toén, que disporán dunhas instalacións preparadas para adestramentos e competicións.
O Concello sinala que este proxecto foi posible grazas á colaboración institucional entre a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a Deputación de Ourense e o propio Concello de Toén, que participaron no financiamento da actuación.