Un equipo ourensá representa á UVigo na Formula Student UK-Artificial Intelligence cun proxecto desenvolvido ao longo do curso

OurenseXa
O equipo do campus de Ourense, integrado por case 40 estudantes, compite na cun sistema de condución autónoma para coches eléctricos
equipo-uvigo-silverstone
18 Jul 2026

O equipo Auria Technologies da Universidade de Vigo participa ata este domingo na Formula Student UK-Artificial Intelligence (FSUK-AI), unha competición internacional que se celebra no circuíto británico de Silverstone e na que universidades de distintos países poñen a proba sistemas de condución autónoma para coches eléctricos desenvolvidos mediante intelixencia artificial.

O proxecto é o resultado do traballo realizado durante todo o curso académico por preto de 40 estudantes do campus de Ourense, pertencentes ás titulacións de Intelixencia Artificial e Enxeñaría Informática da Escola Superior de Enxeñaría Informática, Enxeñaría Aeroespacial da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e Turismo da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo. Deles, 18 integrantes desprazáronse ao Reino Unido para participar na competición.

A iniciativa conta co apoio da Xunta de Galicia, da Universidade de Vigo, da Escola Superior de Enxeñaría Informática, do Cesga, IPG, OnShape, Aerolab e do Instituto de Investigación en Física, Computación e Ciencia Aeroespacial.

Nesta edición da FSUK-AI participan 38 equipos universitarios procedentes de distintos países, entre eles Estados Unidos e Turquía. Auria Technologies é o único representante galego do certame, no que tamén compiten outros tres equipos do Estado pertencentes ás universidades do País Vasco, Pontificia Comillas e Madrid.

A competición propón aos estudantes o reto de deseñar e programar un vehículo sen condutor e totalmente xestionado mediante intelixencia artificial. Nesta modalidade, os equipos non fabrican o coche, xa que o vehículo base é facilitado pola organización. O traballo céntrase no desenvolvemento do software, da electrónica e dunha plataforma física de sensores que se incorpora ao automóbil.

“Esta é unha oportunidade única para representar a Galicia nunha contorna de excelencia tecnolóxica”, destacan desde Auria Technologies.

Durante o certame, os equipos deben superar dúas fases de avaliación. A primeira corresponde ás probas estáticas, nas que se examinan aspectos como o deseño do sistema autónomo, o plan de negocio e a aplicación práctica da tecnoloxía desenvolvida. A segunda comprende as probas dinámicas en pista, nas que o vehículo afronta exercicios de aceleración, percorridos en forma de oito, voltas rápidas ao circuíto e unha proba de resistencia.

Na primeira xornada da competición, celebrada o mércores, o equipo da Universidade de Vigo superou con éxito as probas do CAN Bus e as inspeccións estáticas, iniciando así o proceso de validación do vehículo. Este xoves continuaron as verificacións técnicas previas á saída á pista, paso necesario antes de comprobar o funcionamento do sistema de condución autónoma en condicións reais.

O proxecto presentado en Silverstone é o resultado do traballo desenvolvido ao longo do curso por cinco departamentos especializados. O equipo de hardware encargouse do deseño da estrutura do vehículo, do cableado dos automóbiles de probas e da fabricación mediante impresión 3D de distintas pezas. O departamento de software desenvolveu e integrou os sistemas de condución automatizada, así como os algoritmos de intelixencia artificial e os sensores. Pola súa banda, o equipo de probas estáticas elaborou a documentación técnica e o plan de negocio.

A organización complétase cun departamento de recursos humanos, encargado da coordinación interna, do desenvolvemento web e da documentación, e cun equipo de mercadotecnia, responsable da comunicación en redes sociais e da relación cos patrocinadores.

Esta é a segunda participación de Auria Technologies na Formula Student UK-AI. Na súa estrea, o pasado ano, o equipo acadou a 19ª posición na clasificación final. Desde a asociación estudantil destacan que, máis alá dos resultados deportivos, o principal obxectivo é ofrecer ao alumnado unha experiencia práctica baseada no desenvolvemento de proxectos reais.

“Somos unha asociación estudantil sen ánimo de lucro nacida en Galicia cunha misión clara: fomentar o talento novo en intelixencia artificial. O noso equipo está formado por estudantes universitarios con formación técnica que, ademais de estudar, dedicamos o noso tempo a desenvolver proxectos de software impulsado por intelixencia artificial que teñan un impacto real, que poidan ter unha utilidade día a día na sociedade”, explican desde Auria Technologies.

0.13339519500732